O persoal de Albada concéntrase contra a pretensión da empresa de dinamitar o convenio colectivo

A empresa quere cambiar o modelo da planta de reciclaxe polo dunha planta de transferencia de residuos
Traballadoras e traballadores de Albada concentráronse na mañá deste xoves diante das instalacións da planta de reciclaxe para manifestar a súa oposición á pretensión da empresa de desmantelar o convenio colectivo e aplicar unha rebaixa salarial do 25%. Tras da concentración celebraron xuntanzas cos grupos municipais e teñen acordado un calendario de mobilizacións con novas concentracións, unha acampada indefinida e unha marcha a pé até María Pita.
10/7/13.

Albada pretende un cambio do modelo, convertendo a actual planta de reciclaxe nunha planta de transferencia de residuos. Os traballadores e traballadoras consideran que isto é “unha estafa social” e denuncian que conta coa complicidade e o silencio do goberno do concello da Coruña.

Aseguran que a porcentaxe de lixo que se recicla é case nula, rematando case todo nun vertedoiro e que hai menos postos de traballo dos que obriga a concesión, malia o que as veciñas e veciños da Coruña e do Consorcio continúan a pagar cada vez máis cartos por un servizo cada vez máis reducido.

Mentres isto sucede, a Empresa e o grupo URBASER, ao que pertence, tivo no ano 2011 millonarios beneficios, que superan os 146 millóns de euros e ALBADA aumentou a súa facturación do canon do lixo no primeiro trimestre de 2013 en máis de 100.000 euros respecto do mesmo trimestre de 2012.

Este cambio de modelo pretende desmantelar o convenio colectivo e os dereitos conseguidos durante moitos anos e xa provocou o despedimento, nos últimos meses, de 11 traballadores/as, co que a esta altura o cadro de persoal xa se reduciu en 20 traballadores/as nos últimos dous anos.

Denuncian ademais que coa dinamitación do convenio colectivo a empresa busca unha rebaixa salarial do 25% o que, advirten, situaría ao persoal nun grave empobrecemento salarial.

Ante isto o Comité de Empresa (CIG-CCOO e UGT) acordou un calendario de mobilizacións e o reparto masivo de folletos informativos para que se coñeza en toda a cidade da Coruña a nova desfeita no emprego, nos dereitos e nos servizos públicos que pretende a empresa coa conivencia do Partido Popular, á fronte do goberno municipal da Coruña.

Mobilizacións:

-  10 de xullo, 10:30 horas, Concentración na Praza de María Pita

-  15 de xullo, desde as 11:00 horas, inicio dunha acampada indefinida diante das instalacións de ALBADA, reivindicando a readmisión dos/as despedidos/as.

-  17 de xullo, 10:00 horas: Marcha desde o Centro de Saúde do Ventorrillo até a Praza de María Pita.