O comercio vario da Coruña convoca novas mobilizacións para forzar a negociación do convenio

As centrais sindicais denuncian que a patronal pretende recortar dereitos e salarios
Os sindicatos do comercio vario da provincia da Coruña decidiron convocar novas mobilizacións, tras a xornada de folga do pasado día 1 de xullo, para denunciar que a patronal deixou decaer o convenio colectivo “para ir ao Estatuto dos Traballadores, o que suporá unha importante perda de dereitos laborais e de poder adquisitivo”. As protestas conxuntas da CIG, CCOO e UGT terán lugar os vindeiros 19 e 24 de xullo en Ferrol e Santiago e o 2 de agosto na Coruña.
12/7/13.

O responsábel de comercio da CIG-Servizos, Roberto Pérez, explica que a negativa do empresariado e negociar o novo convenio “é unha estratexia deliberada que pretende un recorte brutal de dereitos xa que retrotrae o sector aos anos 70”. Neste senso, critica que a patronal non aceptara prorrogar o anterior acordo laboral alomenos mentres se desenvolvían as negociacións.

Diante disto, as tres centrais convocan unha serie de mobilizacións tras a xornada de folga que tivo lugar o pasado 1 de xullo que consistirán en concentracións ás portas dos centros comerciais Odeón de Ferrol (18 de xullo, 12.30 horas); As Cancelas de Santiago (24 de xullo, 12.30 horas); e Marineda da Coruña (2 de agosto, 12.30 horas). Ao mesmo tempo, iniciarán unha campaña informativa para concienciar aos traballadores/as da problemática que atravesa o sector.