Acampada ás portas de Nostián para esixir a readmisión dos despedidos e na defensa do convenio

O Comité de Albada ten convocada unha marcha a pé este mércores 17 de xullo, dende o Ventorrillo a María Pita, para esixir soluc
O persoal despedido de Albada, co apoio dos compañeiros e compañeiras, iniciou este luns unha acampada indefinida diante da planta de Nostián para esixir a súa readmisión. A medida de presión enmárcase no calendario de mobilizacións que están a levar a cabo os traballadores/as da planta de tratamento de residuos da Coruña en defensa das condicións laborais e salariais.
16/7/13.

Dende o Comité denunciaron unha vez a “grave situación” que atravesa a planta  “derivada dunha actuación e xestión empresarial incompetente e incapaz”. Neste senso, advirten que o afán da empresa por desmantelar o convenio colectivo responde ás  pretensión un cambio do modelo de planta, convertendo Albada nunha planta de transferencia de residuos.

Os traballadores e traballadoras consideran que isto é “unha estafa social” e denuncian que conta coa complicidade e o silencio do goberno do concello da Coruña, que até o momento non se ten implicado no conflito, a pesar das peticións realizadas dende o Comité.

A representación do persoal reitera que a porcentaxe de lixo que se recicla é case nula, rematando case todo nun vertedoiro e que hai menos postos de traballo dos que obriga a concesión, malia o que as veciñas e veciños da Coruña e do Consorcio das Mariñas continúan a pagar “cada vez máis cartos por un servizo cada vez máis reducido”.

Mentres isto sucede, a empresa e o Grupo Urbaser - ao que pertence- obtivo no ano 2011 millonarios beneficios (máis de 146 millóns de euros); ao mesmo tempo, Albada aumenta a facturación do canon do lixo no primeiro trimestre do 2013 en máis de 100.000 euros respecto do mesmo trimestre do 2012.

“Este cambio de modelo pretende dinamitar o Convenio Colectivo e os dereitos conseguidos durante moitos anos, aplicando unha rebaixa salarial do 25%, deixando ao cadro de persoal nun grave empobrecemento dos salarios”, aseveran. Así mesmo, dende o Comité denúnciase que este cambio de  modelo é a razón de que nos últimos meses a empresa despedise a 11 traballadores/as, reducíndose así o cadro de persoal en 20 persoas nos dous últimos anos.

Continúa o calendario de mobilizacións

Ante isto o Comité de Empresa (CIG, CCOO e UGT) acordou un calendario de mobilizacións e o reparto masivo de folletos informativos para que se coñeza en toda a cidade da Coruña a nova desfeita no emprego, nos dereitos e nos servizos públicos que pretende a empresa coa conivencia do Partido Popular, á fronte do goberno municipal da Coruña.

Este mércores 17 de xullo, ás 10:00 horas, está convocada unha marcha desde o Centro de Saúde do Ventorrillo até a Praza de María Pita para esixiren solucións.