Folga en Albada para o dia 28 se non se readmiten os despedidos/as e se desbloquea a negociación

Os traballadores e traballadoras da planta de Nostián manifestáronse este mércores dende o Ventorrillo até as portas do Concello
O Comité de Albada está disposto a convocar folga indefinida na planta de Nostián a partir do día 28 de xullo, se a empresa continúa coa súa actitude inmobilista, non se avén a readmitir aos/as 11 traballadores/as despedidos/as e non desbloquea a negociación do convenio colectivo. Así o advertía o Presidente do Comité, Xosé Manuel Vilariño, na manifestación que o persoal da planta realizou esta mañá dende o Centro de Especialidades do Ventorrillo até a Praza de María Pita.
17/7/13.

A marcha realizada este mércores -que se desenvolveu entre as 10 a as 12 horas- é a última acción desta nova xeira de mobilizacións convocada en defensa das condicións laborais e salariais e para reivindicar a readmisión dos 11 compañeiros e compañeiras despedidos por Albada ao inicio das negociacións para o novo convenio colectivo.

Un convenio, lembraba o Presidente do Comité, que Albada pretende dinamitar recortando os salarios un 25%, incrementando a xornada semanal e empeorando as condicións laborais dos traballadores e traballadoras. Con estas medidas, aclarou, Albada pretende un cambio do modelo, convertendo a actual planta de reciclaxe nunha planta de transferencia de residuos. Os traballadores e traballadoras consideran que isto é “unha estafa social” e denuncian que conta coa complicidade e o silencio do goberno do concello da Coruña.

Vilariño advertiu tamén que de non producírense avances no desbloqueo da negociación e non se darse pasos para a readmisión do persoal despedido nos vindeiros días, o Comité convocará unha folga indefinida nas instalacións de Nostián a partir das 21:45 horas do día 28 de xullo. “Non é a nosa intención chegar a esa folga, pero se a empresa non ten a ben negociar dignamente e readmitir aos compañeiros/as despedidos/as non nos deixa máis saída que levar adiante a convocatoria”, sinalou.

O representante dos traballadores/as apuntou os prexuízos que a convocatoria podería causar na cidadanía, polo que apelou, unha vez máis, ao Goberno local para que asuma as súas responsabilidades –como titular das instalacións- e intermedie no conflito. Neste senso, Vilariño lembrou que o Comité xa solicitou por escrito unha reunión co alcalde da Coruña para abordar a situación na planta de tratamento de residuos, pero até o de agora aínda non obtiveron resposta.

Iníciase unha acampada indefinida ás portas de Nostián para esixir a readmisión do persoal despedido e na defensa do convenio