Asínase a prórroga do convenio de comercio vario da Coruña por un ano grazas a un día de folga

Desconvócanse, xa que logo, as mobilizacións previstas para o mes de setembro
A loita das traballadoras e traballadores de comercio vario da provincia da Coruña, que protagonizaron unha xornada de folga o pasado 1 de xullo, deu os seus froitos. Esta mañá a comisión negociadora asinaba o acordo de manter a ultravixencia do convenio por un ano garantíndose así o mantemento das condicións laborais durante este período. A CIG-Servizos manifesta a súa satisfacción por este acordo polo que quedan inicialmente desconvocadas as mobilizacións previstas para o mes de setembro.
19/7/13.

Ás 9:30 horas deste venres, a comisión negociadora do convenio de comercio vario da Coruña, conformada polas tres centrais sindicais e a patronal, asinaban o acordo polo que se mantén “a ultravixencia do convenio colectivo estatutario anterior até o próximo día 30 de xuño de 2014, exceptuando desta ultravixencia o artigo 4 que queda expresamente excluído, perdendo a súa vixencia xa o día 8 de xullo de 2013”.

As partes quedan emprazadas a unha nova xuntanza, a mediados de setembro, co obxecto de continuar coas negociacións para o novo convenio e, segundo a acta, o actual, de non se chegar a acordo antes do 30 de xuño de 2014, perderá totalmente súa vixencia.

A principios deste mes remataba o período de ultraactividade do convenio de comercio vario da provincia da Coruña, caducado en xuño de 2011, por mor da aplicación da reforma laboral. Até o de agora a negociación dun novo convenio fora especialmente difícil por mor das desavinzas entre a propia patronal do sector, xa que a metade do empresariado non se presentara ás mesas de negociación, unha parte queríase escindir do convenio e a outra parte da patronal propuxera dúas plataformas de convenio diferentes. A pretensión da patronal era desmantelar todo o convenio colectivo aplicando un recorte brutal das condicións salariais e laborais.

Ante esta situación as asembleas de traballadoras e traballadores, celebradas nas distintas cidades da provincia, acordaban incrementar as medidas de presión e levar a cabo unha xornada de folga que tivo lugar o día 1 de xullo.

Isto, xunto ao anuncio de novas mobilizacións en setembro, permitiu que se acadara hoxe unha prórroga da ultravixencia que posibilitará continuar coas negociacións para loitar por un convenio que garanta unhas condicións laborais e salariais dignas para o sector.

Farmacias

Con este acordo permítese ademais que o persoal de Ópticas e Farmacias, a quen se lle comunicou por parte das empresas a desaparición do seu convenio e a aplicación do Salario Mínimo Interprofesional, teñan un marco normativo ao que agarrase, cando menos na provincia da Coruña.