Desconvocada a folga indefinida na planta de reciclaxe de Lousame

Conséguese manter o convenio de empresa, a cláusula de ultraactividade e un incremento salarial anual dun 2%
O 8 de xullo FCC, concesionaria da planta de reciclaxe de Lousame, comunicaba a caída do convenio colectivo de empresa e a aplicación do de Limpeza de Edificios e Locais da Coruña. Iso supuña unha caída salarial dun 20% aproximadamente e un incremento da xornada en case dúas horas semanais. Na tarde deste xoves asinábase o novo convenio de empresa e desconvocábase, en consecuencia a folga indefinida prevista a partir do sábado 20 de xullo.
19/7/13.

Segundo explica o secretario nacional de CIG-Servizos, Paulo Rubido, a pretensión da empresa era eliminar dereitos conseguidos nos anos anteriores que estaban recollidos no convenio aínda vixente, onde estaba contemplada a ultraactividade e mesmo un incremento salarial do 2%. “Para eliminar estes dereitos, a empresa acóllese á reforma laboral e á interpretación que fai a patronal de que estas cláusulas anteriores á reforma non son legais”.

Ante a ameaza de perder as condicións laborais recollidas no convenio colectivo da planta de reciclaxe de Lousame, o persoal convocaba unha folga indefinida que non chegou sequera a se iniciar.

De feito, a presión da inminente convocatoria de folga e a negociación posterior deron os seus froitos e o pasado mércores conseguíase asinar xa un preacordo, que foi ratificado por unanimidade do cadro de persoal e que consiste na pervivencia do convenio colectivo de empresa e de todos os dereitos nel contemplados.

Xunto a isto, Rubido salienta como un dos principais logros acadados, o mantemento da cláusula de ultraactividade, tal e como estaba recollido no anterior convenio, con revisión salarial automática –dun 2%- en caso de non negociación.

A maiores conséguese completar a prestación por IT os tres primeiros días, que antes non tiña retribución de ningún tipo en caso de enfermidade común; un día de asuntos propios; 14 horas anuais para acompañar a menores de 14 anos ao médico; 8 horas de asembleas de traballadores/as retribuídas; acumulación de hora de lactación ou realizar o recoñecemento médico no centro de traballo.

En todo caso, Paulo Rubido explica que os incrementos salariais previstos para os anos 2013 e 2014 derívanse, logo de seren cuantificadas as cantidades correspondentes, a cuestións sociais, como permisos non retribuídos, pero mantendo a alta na Seguridade Social e demais.

O texto do convenio foi asinado definitivamente na tarde deste xoves e ante isto, a folga queda obviamente desconvocada.