Agás os xefes, o persoal do hotel Puerta del Camino secunda masivamente a primeira xornada de folga

Teñen denunciada perante a Inspección a contratación de persoal para estas dúas xornadas, vulnerando o dereito á folga
Ás 00:00 horas deste mércores 24 de xullo comezaba a primeira das dúas xornadas de folga convocadas polo Comité de Empresa do hotel Puerta del Camino. Unha folga que está a ser secundada pola inmensa maioría do persoal, agás os xefes. Denuncian que levan meses arrastrando atrasos nos cobros dos salarios e que, de feito, a estas alturas só cobraron da nómina correspondente ao mes de xuño, o 25%. Están inmersos nun ERE que afecta a todo o cadro do persoal e malia a convocatoria de folga desde a dirección non houbo intento algún de negociación.
24/7/13.

A decisión de convocar a folga foi tomada polo conxunto do persoal, segundo explica Mar Álvarez García, presidenta do Comité de Empresa, porque levan meses sen cobrar as nóminas con regularidade. “Cobramos de aquela maneira, hai meses que cobramos en 8 veces. Outras veces queda dun mes para o seguinte e do mes de xuño, se non fixeron hoxe un ingreso, debemos ter só o 25% cobrado”.

Tamén se opoñen á decisión da empresa que xestiona o estabelecemento hostaleiro, Oca Hoteles, de pór en marcha un ERE en tempada alta. “A xente está facendo horas extra porque xa temos un cadro de persoal moi axustado e xusto agora é cando máis carga de traballo hai. Non é comprensíbel facer horas extra e que nos metan un ERE. Se hai que facelo no inverno e está ben presentado, ten sentido, pero agora mesmo non”.

Este non é o primeiro intento de aplicar un ERE no Puerta del Camino. O primeiro que se intentou aplicar foi botado atrás porque estaba caducado (fóra de prazos) e non cumpría sequera os requisitos. “Cando fas un ERE tes que pór a súa duración e como vai afectar a cada un dos traballadores/as. Eles non o facían así. Propuñan un ERE que non especificaba tempos nin traballadores/as. Pretendían que foramos traballar cando precisaran e entre mentres ficar na casa pendentes do teléfono”, explica Álvarez.

O ERE actual, en marcha desde o mes de maio, afecta a todo o cadro de persoal en diferentes momentos, ben con redución, ben con paro. “Hai un calendario de mínimos para un ano, pero cando haxa traballo seguirán chamando”, explica a presidenta do Comité, que denuncia que, porén, os calendarios están feitos de tal xeito que hai veces que a cadro non se cumpre. “Non hai días libres e a día de hoxe ninguén sabe cando te vas ir de ERE nin como”.

Demandan cobrara por traballar e reiteran que de facerse un ERE, este ten que se presentar en condicións, cinguíndose á legalidade laboral e nunha tempada na que a ocupación sexa a mínima.

Denuncia ante a Inspección

Onte mesmo souberon que hai xente contratada para estas 48 horas de folga. “Téñenos como acuartelados, mesmo durmindo no hotel”. Entenden que Oca Hoteles vulnera deste xeito o dereito fundamental á folga e xa tramitaron a pertinente denuncia perante a Inspección de Traballo. “Estamos pendentes de que veñan e certifiquen a actuación ilegal da empresa”.