O Comité de Albada rexeita os servizos mínimos impostos polo Concello por resultar abusivos

O persoal que está activo nas instalacións de Nostián é inferior aos servizos marcados, que o Comité vai recorrer
O Comité de Albada oponse rotundamente aos servizos mínimos remitidos este mediodía polo Concello da Coruña, xa que resultan totalmente abusivos ao comprender ao 100% dos traballadores/as en activo e desvirtúan a folga indefinida convocada a partir do domingo 28 de xullo na planta de Nostián.
24/7/13.

A día de hoxe, o persoal que está activo nas instalacións é inferior aos servizos mínimos marcados, polo que, advirten dende o Comité, non se poderán cubrir pola falta de traballadores/as suficientes para acudir aos mesmos. Neste senso, a representación social denuncia que a empresa está operando con menos persoal que o que ditan os servizos mínimos.

Ante esta situación, o Comité xa adiantou que vai recorrer a resolución do Goberno municipal, xa que a imposición destes servizos mínimos impide na práctica o desenvolvemento da folga.

Dende o Comité laméntase que o Concello da Coruña teña como única intervención neste conflito a presentación duns servizos mínimos imposíbeis de cubrir e que demostran o absoluto descoñecemento por parte do Goberno local sobre a verdadeira situación da planta de tratamento de residuos de Nostián.

Por iso mesmo, volven solicitar ao Concello que atenda a petición de reunión co Comité, así como que interveña dunha vez para buscar unha solución e non xerar máis conflito.