Arranca con éxito a folga indefinida na planta de Nostián, malia os abusivos servizos mínimos

O piquete informativo permanecerá 24 horas nas portas das instalacións
Este domingo iniciábase a folga indefinida na planta de tratamento de residuos de Nostián, que, pesar dos abusivos servizos mínimos –que xa foron recorridos polo Comité- está sendo todo un éxito. Dende as 21:45 horas o piquete informativo permanece de xeito continuado ás portas das instalacións para explicar a traballadores/as e compañeiros/as das empresas que fan o depósito do lixo os motivos da convocatoria.
29/7/13.

Neste senso, dende o Comité reiteran que calquera negociación con Albada pasa pola readmisión dos 11 traballadores/as despedidos ao inicio da negociación do convenio, e que a empresa está a utilizar como “reféns”. Traballadores/as que, ao mesmo tempo que se desenvolve á folga, proseguen coa acampada iniciada hai xa dúas semanas diante da planta de Nostián.

Alén de reclamar a readmisión do persoal despedido, con esta folga os traballadores/as de Albada queren rexeitar as pretensión das empresa de desmantelar o convenio colectivo e impor unha rebaixa salarial do 25%, un incremento da xornada laboral semanal e outra serie de recortes de dereitos, sen garantir sequera os niveis de emprego. Unhas medidas que para o Presidente do Comité, Xosé Manuel Vilariño, responden ás  pretensión dun cambio do modelo nas instalacións, convertendo Nostián nunha planta de transferencia de residuos. Algo que cualificou de “estafa social”, pois os cidadáns e cidadás pagan por un servizo que non perciben. 

A representación do persoal reitera que a porcentaxe de lixo que se recicla é case nula, rematando case todo nun vertedoiro e que hai menos postos de traballo dos que obriga a concesión, malia o que as veciñas e veciños da Coruña e do Consorcio das Mariñas continúan a pagar “cada vez máis cartos por un servizo cada vez máis reducido”.

A este respecto, o Comité lembrou unha vez máis que, fronte a mínima baixada dos depósitos de residuos aducido pola empresa para xustificar os recortes laborais, Albada rexistrou un incremento na facturación do canon do lixo no primeiro trimestre do 2013 en máis de 100.000 euros respecto do mesmo trimestre do 2012.

En canto aos servizos mínimos impostos, o Comité xa os ten recorridos, posto que resultan totalmente abusivos, desvirtúan a convocatoria de folga e mesmo se dá o caso de que o persoal que está activo nas instalacións é inferior aos servizos mínimos marcados. Ademais, boa parte dos membros do Comité foron incluídos nos servizos mínimos.

Malia este atrancos, a folga está resultando un éxito na súa primeira xornada.