O persoal do Hotel Puerta del Camino convoca dúas novas xornadas de folga para os días 2 e 3 de agosto

Secundou masivamente a folga convocada para os días 24 e 25 de xullo
As traballadoras e traballadores do Hotel Puerta del Camino levan meses sen cobrar con regularidade os seus salarios. Tal é así, que da nómina do mes de xuño levaban cobrado, á altura do día 26 de xullo, tan só o 25%. Por iso e porque a empresa que xestiona o hotel decidiu aplicar un ERE en plena tempada alta tiñan convocadas dúas xornadas de folga para os días 24 e 25 de xullo. Malia o masivo seguimento non houbo intento algún, desde a dirección do estabelecemento hostaleiro, de sentar a negociar co persoal que, ante isto, acordou convocar dúas novas xornadas de folga para os días 2 e 3 de agosto.
29/7/13.

En plena tempada alta, o período de máis ocupación, Oca Hoteles, empresa que xestiona o Puerta del Camino, puxo en marcha un ERE que afecta a todo o seu persoal. Unha decisión que non entenden as traballadoras e traballadores que, en pleno ERE, están a facer horas extra por mor do axustado que está o cadro de persoal.

Desde o comité de empresa denuncian esta situación e explican que o ERE sería comprensíbel no inverno e subliñan que, en todo caso, tiña que estar ben presentado. Lembran que este non é o primeiro intento de aplicar un ERE no hotel e que o primeiro que se intentou pór en marcha foi botado atrás porque estaba caducado (fóra de prazos) e non cumpría sequera os requisitos.

O actual, en marcha desde o mes de maio, afecta a todo o cadro de persoal en diferentes momentos, ben con redución, ben con paro. Estabelece un calendario de mínimos para un ano, pero cando hai traballo seguen chamando ás traballadoras e traballadores. Os calendarios están feitos de tal xeito que hai veces que o cadro non se cumpre, non hai días libres e ninguén sabe cando lle vai tocar ir de ERE nin como.

Demandan cobrar por traballar e reiteran que o ERE ten que se presentar en condicións, cinguíndose á legalidade laboral e nunha tempada na que a ocupación sexa a mínima.

Malia o éxito da anterior convocatoria a dirección do estabelecemento hostaleiro non intentou achegamento algún ao persoal. De feito, fronte a iso, o que fixo foi contratar traballadores/as para suplir aos folguistas durante as 48 horas de duración do paro, vulnerando o seu dereito fundamental á folga.

Ante isto, convocan dúas novas xornadas de folga para a primeira fin de semana de agosto e agardan que, desta volta, a dirección do hotel si sente a falar coas traballadoras e traballadores, que pague íntegros os salarios e que se revise o ERE en curso.