Os traballadores/as da planta de Nostián continuan adiante coa folga e solicitan a mediación no AGA

Os membros da CIG no Comité reclaman ao Concello que rescate a concesión porque Albada non cumpre coas condicións estabelecidas
Os membros do Comité de Albada de CIG e UGT acordaron solicitar na mañá deste martes a mediación do AGA co obxectivo de conseguir unha reunión coa empresa e buscar unha saída dialogada ao conflito que se vive na planta de Nostián. O Presidente do Comité, Xosé Manuel Vilariño, explica que a decisión se tomou debido a falta de contactos coa empresa, cuxos representantes foron os que abandonaron a mesa de negociacións durante a reunión convocada o pasado venres.
30/7/13.

Os traballadores e as traballadoras de Albada continúan adiante coa folga indefinida en demanda da readmisión dos once compañeiros/as despedidos/as e a negociación dun convenio digno e con dereitos e lembran que en todo momento estiveron abertos ao diálogo, así como demandando a mediación do Concello da Coruña, co obxectivo de acadar unha solución que permitise evitar a folga. Solicitude que, cómpre lembrar, non foi contestada dende o Goberno municipal, a pesar de que o Concello é o titular das instalacións.

En canto á decisión de levar os camións do lixo directamente a Sogama, Vilariño adiantou que dende a representación do persoal se vai denunciar este feito nos organismos correspondentes, xa que non se realiza o preceptivo tratamento dos residuos. Así mesmo, reclama do Concello da Coruña que rescate a concesión da planta de Nostián porque Albada non está a cumprir o estabelecido no prego de condicións: a porcentaxe de lixo que se recicla habitualmente é case nula e hai menos postos de traballo dos marcados na concesión.

Neste senso, o Presidente do Comité insiste en que nos atopamos ante unha “estafa social” “porque os cidadáns e cidadás da Coruña e o Consorcio das Mariñas están pagando por unha reciclaxe que non se fai”. Por iso mesmo, de prolongarse o conflito, anima a toda a cidadanía a rebelarse contra esta “estafa” e a non pagar o recibo do lixo.