Continúa a folga en Nostián ao non producírense avances na negociación pola actitude da empresa

A dirección de Albada presentou a mesma proposta de recortes, negouse á mediación e non acudiu á xuntanza convocada polo Comité
A folga que os traballadores e as traballadoras da planta de Nostián están realizando dende a noite do pasado domingo continuará adiante, logo de que non se producirán avances na reunión celebrada este mércores entre o Comité e empresa, xa que está mantén un total inmobilismo na súa proposta de recortes.
31/7/13.

A pesar de que Albada se negou a aceptar a mediación no AGA -solicitada na mañá do martes polos representantes de CIG e UGT no Comité-, á parte social asistía igualmente e con boa predisposición á convocatoria de reunión feita pola dirección para este mediodía, co obxectivo de avanzar no desbloqueo da negociación e acadar unha solución que permita a desconvocatoria da folga.

Porén, non se puido acadar ningún tipo de acordo, xa que a empresa acudiu á xuntanza coa mesma proposta “agresiva, de recortes, que mantén ao persoal despedido fóra e que nin sequera garante o emprego para este ano”, explica o Presidente do Comité, Xosé Manuel Vilariño.

Aínda así, o Comité de folga e as centrais sindicais CIG, UGT e CCOO decidiron convocar á empresa novamente para as 17:30 horas desta tarde “para dar continuidade sen fin ás negociacións até conseguir un acordo”. Malia a predisposición da representación sindical, a empresa non acudiu á dita reunión.

Pola contra, trasladou unha proposta de xuntanza para mañá pola mañá, á que o Comité xa anunciou que asistirá, aínda que dende a representación do persoal dubídase de que se produzan avances á vista da actitude inmobilista da empresa.

O Presidente do Comité lamenta que dende a dirección de Albada se manteña  unha postura de bloqueo e sospeita que a empresa pretende dilatar as negociacións sen importarlle “ter présa á cidadanía”, de igual xeito que utiliza aos/ás traballadores/as despedidos/as como “reféns” na negociación.