O Comité de Albada pide unha nova mediación no AGA tras fracasar a reunión coa empresa

A representación dos traballadores/as insiste en que Albada “é unha estafa social” e “se está a rir do persoal e da cidadanía"
Nova xornada de folga na planta de Nostián sen que se produzan avances, posto que Albada permanece ancorada nunha proposta de recortes, sen dar garantías de emprego, sen querer readmitir aos traballadores/as despedidos/as e coa clara pretensión de dilatar as negociacións, a pesares das consecuencias que o paro ten nas rúas.
01/8/13.

A proposta da empresa pasa, entre outras cuestións, pola conxelación salarial até finais de ano, eliminación de complementos por IT e a ampliación da xornada laboral semanal até as 42 horas. Segundo os cálculos do Comité, este incremento da xornada suporía unha destrución de 18 postos de traballo, aos que habería que engadir os 20 empregos perdidos nos últimos dous anos.

“Non hai nada novo. O que nos ofrecen é un recorte de dereitos -que por lei xa temos garantidos até o 31 de decembro deste ano- e ao que non estamos dispostos é a asinar un convenio á baixa, que é o que realmente quere a empresa”, asevera o Presidente do Comité, Xosé Manuel Vilariño.

Logo da reunión, que foi breve xa que a empresa se reafirmou na súa pretensión de desmantelar todo o convenio colectivo, o Comité e as tres centrais sindicais con representación tiveron unha xuntanza na que se acordou solicitar unha nova mediación a través do AGA. Mediación que xa foi cursada e á que, desta volta, o Comité agarda que a dirección non se negue.

Vilariño insiste en que Albada é unha “estafa social” e considera que a empresa “se está a rir dos traballadores/as, do Comité e da cidadanía en xeral. A empresa non lle importa en absoluto o estado das rúas, que o lixo non se recicle nin que non se produza negociación algunha”, afirma. Ao mesmo tempo, denunciou que a dirección pretende ter de reféns para a negociación aos once compañeiros/as despedidos/as e

Así mesmo, fronte ás escusas económicas alegadas pola empresa, o Comité lembra que Albada  aumentou a súa facturación do canon do lixo no primeiro trimestre de 2013 en máis de 100.000 euros respecto do mesmo trimestre de 2012, e que a firma e o grupo URBASER, ao que pertence, tivo no ano 2011 millonarios beneficios, que superan os 146 millóns de euros.