Os traballadores/as da planta de Nostián cumpren oito días en folga

O persoal está disposto a continuar co paro até que Albada readmita aos compañeiros/as despedidos e se acade un convenio digno
A folga na planta de tratamento de residuos de Nostián vén de cumprir o seu oitavo día sen que até o momento se teñan producido avances, xa que a empresa mantén a súa pretensión de dinamitar o convenio colectivo e non se avén a readmitir aos 11 compañeiros/as despedidos/as, unha reivindicación non negociábel para o Comité.
05/8/13.

O sábado producíase a última reunión, coa mediación da Xefa da Inspección de Traballo, sen acadar ningún tipo de acordo ante a negativa da dirección de Albada a readmitir aos traballadores/as despedidos/as. Persoal despedido que dende o Comité teñen denunciado en reiteradas ocasións que a empresa está a utilizar como “reféns” na negociación.

A proposta da empresa pasa, entre outras cuestións, pola conxelación salarial até finais de ano –sen garantir futuras rebaixas nos salarios-, eliminación de complementos por IT e a ampliación da xornada laboral semanal até as 42 horas. Segundo os cálculos do Comité, este incremento da xornada suporía unha destrución de 18 postos de traballo, aos que habería que engadir os 20 empregos perdidos nos últimos dous anos.

A representación do persoal reitera que Albada “é unha estafa social” xa que os cidadáns e as cidadás da Coruña e o Consorcio das Mariñas “están pagando por unha reciclaxe que non se fai”. Neste senso, o Comité xa ten reclamado do Concello da Coruña que rescate a concesión da planta de Nostián porque a empresa non está a cumprir o estabelecido no prego de condicións: a porcentaxe de lixo que se recicla habitualmente é case nula e hai menos postos de traballo dos marcados na concesión.

Así as cousas, a folga continuará adiante até que se readmita aos traballadores/as despedidos e se negocie un convenio digno e con dereitos.