A dirección de Albada dificulta a resolución do conflito ao pretender agora unha rebaixa salarial real do 18%

A empresa rachou de xeito unilateral as negociacións
A folga que os traballadores e traballadoras da planta de Nostián están desenvolvendo dende hai máis dunha semana continuará adiante logo de que a empresa complicase calquera saída dialogada ao abandonar a mediación e intentar impor unha rebaixa salarial teórica do 8%, mais que na realidade supón na nómina de cada traballador/a unha redución de arredor do 18% do seu salario.
06/8/13.

A mediación deste martes -celebrada na Inspección de Traballo- rematou novamente sen avances, pois aínda que parecía que había un entendemento coa dirección de Albada para resolver a situación  dos traballadores/as despedidos/as, finalmente non se puido chegar a un acordo polo inmobilismo da empresa. Para o Comité, a de hoxe foi unha oportunidade de avanzar na resolución do conflito que a empresa decidiu perder, pois podendo estar na vía dunha saída -non satisfactoria pero que si podería abrir as portas para sentar as bases dun entendemento-, a empresa preferiu bloquear as negociacións.

A maiores, preséntase na xuntanza coa esixencia dunha rebaixa salarial, que aseguran é do 8%, pero que na realidade supón un recorte nas nóminas de cada un dos traballadores e traballadoras da planta de arredor de 17% ou 18% e, ademais, coa intención de facer efectivo este recorte xa en 2013. 

A pesares deste xiro e co obxectivo de pular por unha solución, dende a parte social deféndese non aplicar recortes salariais, mais ofértase a posibilidade de negociar un axuste pola vía dun ERTE durante o vindeiro ano, e mesmo se formula a posibilidade de anticipar a regulación dende setembro de 2013 a setembro de 2014. Porén, a proposta non lle parece suficiente á empresa que, unilateralmente, decide rachar as negociacións e abandonar a xuntanza. 

Esta actitude, denuncian dende o Comité, confirma que a empresa está instalada nunha proposta de recortes sen medida co único obxectivo de desmantelar o convenio colectivo para aplicar rebaixas salariais sen garantir os niveis de emprego. Neste senso, advirten que non están dispostos a asinar un convenio sen garantías e que deixa aberta a porta a previsíbeis novos despedimentos nos vindeiros meses.

Así mesmo, a representación dos traballadores/as critica que dende o Concello da Coruña se permita que a empresa “faga o que lle pete” e que consinta a “estafa social” que significa Albada porque se lle está a pagar por unha reciclaxe que non realiza. Para o Comité tamén resulta lamentábel que a única alternativa presentada polo alcalde sexa incrementar a presenza policial nas rúas, sen importarlle nin a situación laboral do persoal da planta, a destrución de emprego, que a empresa non estea a cumprir coas condicións da concesión e nin sequera lle preocupe o prexuízo que poida supor para a cidadanía.