Persoal da cafetería e traballadoras/es da TVG concéntranse en San Marcos contra os despedimentos

Está convocada unha folga indefinida a partir do 19 de agosto
O persoal da cafetería da TVG e traballadores/as da compañía concentráronse esta mañá diante das instalacións do ente público en San Marcos para manifestar a súa oposición aos despedimentos e á modificación das condicións de traballo. A cafetería, xestionada desde o 1 de agosto por Coesco Deza S.L (Culinaria), impediu desde ese mesmo día o acceso ao seu posto a 3 traballadores/as. A empresa négase, ademais, a entregarlles a carta de despedimento e a documentación necesaria para poder cobrar a prestación por desemprego. Xa está convocada, a partir do día 19 de agosto, unha folga indefinida.
08/8/13.

A nova concesionaria da cafetería da TVG, Coesco Deza S.L. comezou a xestionar a cafetería en réxime de concesión o 1 de agosto. Nos pregos de condicións estaba prevista a subrogación de todo o cadro de persoal, composto por 13 persoas. Porén tres traballadores/as non puideron sequera acceder ás instalacións da TVG ao impedírenllo os gardas de seguridade da compañía.

Cando preguntaron polo motivo, os propios gardas de seguridade explicáronlles que segundo a  información que tiñan non pertencían a ningunha das empresas que operan nas instalacións do ente público.

A CIG-Servizos xa responsabilizou no seu momento á dirección da CRTVG desta situación porque é quen dá as ordes ao persoal de seguridade e denunciou ademais o incumprimento da normativa laboral, xa que foi así como estes traballadores souberon que estaban despedidos. Porén, nin desde a dirección da compañía, nin desde Coesco Deza S.L. deron explicación algunha.

De feito, a estas alturas as traballadoras e traballadores teoricamente despedidos non recibiron aínda a comunicación de despedimento nin a documentación necesaria para rexistrarse no paro e poder así solicitar unha prestación por desemprego. Por iso estase xa preparando unha demanda para que a xustiza aclare a súa situación.

A CIG-Servizos denuncia o incumprimento, por parte da concesionaria, do prego de condicións e a actuación “absolutamente irregular” da CRTVG por teren permitido que a empresa o incumprira.

Os traballadores/as despedidos recibiron desde o primeiro momento o apoio dos Comités da CRTVG, TVG e RAG, xunto co Comité Interempresas, así como delegados de persoal, comités de empresa e traballadores en xeral, que acordaron, en canto foron coñecedores da súa situación, boicotear á cafetería o que está a provocar que a actividade na mesma sexa practicamente nula.