Ante o bloqueo das negociacións o persoal de Albada decidirá en asemblea novas medidas de presión

Os traballadores/as continúan adiante coa folga iniciada o pasado 28 de xullo
O persoal da planta de tratamento de residuos de Nostián decidirá en asemblea o novo calendario de accións a desenvolver nas próximas semanas, á vista do insistente bloqueo por parte da dirección da Albada, que na última mediación optou por rachar as conversas unilateralmente e abandonar a reunión. A asemblea, que terá lugar este venres ás 21:30 horas no edificio sindical, prodúcese no 13º día de folga en demanda da readmisión dos compañeiros/as despedidos/as, na defensa dos postos de traballo e do convenio colectivo, que a empresa pretende desmantelar dun xeito totalmente descarado.
09/8/13.

Entre outras accións, o persoal estuda a realizar repartos de follas informativas nas rúas da Coruña e dos Concellos do Consorcio das Mariñas para explicar a situación na que se atopa o conflito e evidenciar a “estafa social” que supón Albada, xa que “os veciños e veciñas continúan a pagar os mesmos impostos por unha reciclaxe inexistente”. Unha estafa que, dende o Comité denuncian que se leva a cabo coa complicidade do Concello da Coruña.

Así mesmo, está prevista unha xuntanza para o próximo luns do Comité de Albada e as centrais sindicais coa representación dos traballadores/as de Cespa-A Coruña e Cespa-As Mariñas (empresa encargada da recollida do lixo), de Sogama e do vertedoiro da Areosa para explicar a situación da planta e avaliar a posibilidade de realizar algún tipo de acción conxunta.

Con estas e outras medidas, os traballadores/as de Albada pretenden avanzar na procura dunha solución ao conflito, todavez que a empresa se ten afanado por boicotear as negociacións, presentando unha proposta de recortes laborais e salariais agresivos, negándose a someterse nun primeiro momento á mediación do AGA e abandonando a última xuntanza celebrada entre as partes o pasado martes.

Nesta reunión, a dirección acudiu coa esixencia dunha rebaixa salarial teórica do 8%, pero que na realidade, aclaran dende o Comité, supón un recorte nas nóminas de cada un dos operarios/as de arredor dun 17% ou 18% e, ademais, coa intención de facer efectivo este recorte xa en 2013.

Fronte a este recorte –que a empresa propón, ademais, sen garantir os niveis de emprego-, dende a parte social ofertouse negociar un axuste pola vía dun ERTE durante o vindeiro ano, mesmo coa posibilidade de anticipar a regulación dende setembro de 2013 a setembro de 2014. Porén, a proposta non lle pareceu suficiente á empresa e optou por rachar a negociación, sen que se teña producido ningún contacto entre as partes dende entón.