Comités de Albada, Cespa, Sogama e o vertedoiro da Areosa promoverán loita común en defensa do sector

Convocaranse mobilizacións solidarias nos distintos centros de traballo e non se descarta a convocatoria dunha xornada de folga
Os Comités de Albada, Cespa-A Coruña, Cespa-As Mariñas, Sogama e o vertedoiro da Areosa, xunto cos representantes das centrais sindicais CIG, CCOO e UGT, compareceron este luns en rolda de prensa para avaliar a situación actual no conflito da planta de Nostián e dar conta dos acordos adoptados para promover de xeito conxunto mobilizacións en defensa das condicións laborais e salariais dos traballadores/as do sector. Neste contexto, non se descarta a posibilidade de convocar unha xornada de folga en todos estes centros de traballo.
12/8/13.

Así o explicaba o Secretario Confederal da CIG, Paulo Carril, quen compareceu a modo de voceiro do colectivo para explicar os acordos aos que chegaron a representación dos traballadores/as do centros citados e das organizacións sindicais durante o encontro mantivo na mañá deste luns na Coruña. En primeiro lugar, trasladouse a solidariedade e o apoio “á loita exemplar” que está a levar a cabo o persoal de Albada –en folga dende o pasado 28 de xullo- na defensa dun convenio digno e con dereitos e en demanda de garantías de emprego.

Neste senso, os Comités e representantes do persoal das distintas empresas entenden que a loita dos traballadores/as de Albada (pertencente ao Grupo Urbaser) é unha loita común e “en consecuencia todos/as nos imos mobilizar porque defender os compañeiros/as de Albada é defender a todos/as e cada un dos traballadores e traballadoras do sector”. Unha defensa perante unhas agresivas posicións patronais “que teñen o absoluto respaldo e conivencia do PP” e para as que recorren á brutal reforma laboral “que pretende desmantelar convenios colectivos, reducir salarios, escravizar as condicións laborais nun sector xa de por si precario, despedir persoal e non garantir o emprego”, asegurou.

Carril sinalou que no encontro entre os Comités chegouse ao acordo de participar de forma conxunta en todas as mobilizacións que se convoquen nesta fase do conflito dende o Comité de Albada, e, ao mesmo tempo, elaborarase un calendario de mobilizacións para realizar en cada empresa en solidariedade e contra a reforma laboral. Neste contexto, non se descarta tampouco a posibilidade de convocar unha xornada de folga conxunta en todos os centros.

Rebelarse contra a “estafa social”

Durante a comparecencia, volveuse facer unha chamada a todos os veciños e veciñas da Coruña e As Mariñas para que se mobilicen e protesten contra a “estafa social e a fraude” que están padecendo, tendo en conta que se lles está a cobrar unha  taxa por unha reciclaxe e un tratamento dos residuos que na realidade non existe. Neste senso, solicitarase á cidadanía que se dirixa aos seus respectivos concellos para reclamar que na taxa do lixo se desconte a parte da reciclaxe.

“Estamos en disposición de dar un paso adiante con todas as consecuencias e contundencia necesaria para facer fronte ás intencións de Urbaser –que temos claro será a pretensión de todas as empresas do sector- de utilizar a reforma laboral para escravizar as condicións de traballo e sumir na pobreza aos traballadores/as do sector”, aseverou o Secretario de Organización da CIG. Sobre este punto, Paulo Carril valorou que a intención de Albada é retrotraer as condicións laborais e salariais do persoal ás que tiñan cando se puxeron en marcha as instalacións e que en materia de retribucións apenas acadaba o Salario Mínimo Interprofesional.

Dende o colectivo denunciouse publicamente que o PP da Coruña “dea cobertura” a este tipo de actuacións patronais, mentres se agocha “atrás das posicións da empresa”. “Se o PP entende que coa reforma laboral nunha man e coa policía na outra vai resolver este conflito, está moi equivocado”, concluíu.

Criticas ao inmobilismo da empresa

En canto ás cuestións económicas e produtivas alegadas pola empresa para xustificar o desmantelamento do convenio colectivo, Carril reiterou que fronte a unha baixada insignificante de depósito de residuos durante o primeiro trimestre do ano, Albada incrementou a facturación en máis de 100.000 euros a respecto do mesmo período de 2012. Así mesmo, apuntou que, en todo caso, de existiren perdas na planta estas non son imputábeis ás condicións laborais, senón á nefasta xestión das instalacións por parte da equipa directiva. Doutra banda, subliñou que o Grupo Urbaser obtivo en 2011 máis de 146 millóns de euros de beneficios.

Preguntados pola marcha das negociacións, Carril referiu que a empresa se mantén nunha posición inmobilista, “que só lle vale impor a súa proposta de recortes e non quere nin negociación nin mediación amparada polo Consello Galego de Relacións Laborais”.  De feito, o Comité atópase á espera de que a empresa decida sentar e negociar nas formulacións que se lle presentaron nas últimas xuntanzas. “É a empresa a culpábel de que non esteamos agora sentados nunha mesa buscando unha solución, porque día tras día está rebentando as posibilidades de poder chegar a un acordo”, criticou

Para a representación do persoal, o éxito desta mediación depende agora de que o Concello da Coruña adopte unha postura de defensa nítida ante o intento da empresa de dinamitar a mesma, e de que o propio CGRRLL “poña en cintura á empresa”.