Folga o 26 de Agosto en Cespa-A Coruña, Cespa-As Mariñas, Sogama e o vertedoiro da Areosa

O paro, enmarcado nunha loita conxunta cos traballadores/as de Albada, durará 24 horas e comezará ás 11 da noite
As organizacións sindicais e os Comités de empresa veñen de anunciar a convocatoria dunha xornada de folga de 24 horas no sector de limpeza viaria, recollida de lixo e tratamento de residuos da área da Coruña, que se desenvolverá dende as 23:00 horas do luns 26 de agosto até as 23:00 horas do martes 27. O paro, enmarcado nunha loita conxunta cos traballadores/as de Albada, afectará aos centros de traballo de Cespa-A Coruña, Cespa-As Mariñas e o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (incluído o vertedoiro da Areosa) .
14/8/13.

A convocatoria enmárcase nos acordos adoptados a principios desta semana entre a representación do persoal destes centros, o Comité de Albada e as organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT, co obxectivo de promover mobilizacións conxuntas en defensa das condicións laborais e salariais de todos os traballadores/as do sector e en solidariedade coa loita que están a realizar os empregados/as da planta de Nostián.

A este respecto, no escrito da convocatoria explícase que se acordou promover a folga ante a grave situación derivada da aprobación da reforma laboral, así como das últimas medidas legais aprobadas polo Goberno, “que abren extremas incertezas ante o uso e abuso que desde a patronal do sector e desde as direccións das empresas se fai para desmantelar a negociación colectiva, recortar dereitos, reducir salarios e recortar cadros de persoal”, empeorando substancialmente as condicións de traballo e sen ofrecer en ningún caso garantías de mantemento dos niveis de emprego.

O persoal de Albada realiza repartos nas rúas

Pola súa banda, os traballadores/as de Albada continúan adiante coa folga indefinida iniciada o pasado 28 de xullo en defensa do convenio e pola readmisión dos compañeiros/as despedidos/as, á espera do que dea de si a mediación convocada para este mediodía polo Consello Galego de Relacións Laborais, logo de que a dirección da empresa abandonase a última xuntanza.

O Presidente do Comité, Xosé Manuel Vilariño, tamén sinalou que ao longo desta semana se van concretar novas medidas de presión a realizar polo persoal de Nostián, de cara a buscar a implicación real do Concello da Coruña no conflito –que até o momento se mantén á marxe do mesmo- e co obxectivo de mover da súa proposta de brutais recortes á empresa e avanzar nunha resolución do conflito. 

Neste contexto, hoxe pola mañá e pola tarde, os traballadores/as de Albada están realizando reparto de follas informativas nos mercados de abastos, nas principais rúas da zona centro e nas áreas comerciais, explicando á cidadanía os motivos da folga. Así mesmo, dende o Comité reiterouse a chamada a todos os veciños e veciñas da Coruña e As Mariñas para que se mobilicen e protesten contra a “estafa social e a fraude” que están padecendo, tendo en conta que se lles está a cobrar unha  taxa por unha reciclaxe e un tratamento dos residuos que na realidade non existe.