A cafetería da TVG pechou na primeira xornada de folga convocada pola readmisión de 3 empregados/as

Os afectados/as barallan desenvolver novas mobilizacións nos vindeiros días
O seguimento total da folga indefinida convocada polos traballadores/as da TVG para esixir a readmisión de tres compañeiros/as impediu a apertura do establecemento hostaleiro. Os afectados/as rexeitan tamén a modificación das condicións de traballo por parte da nova concesionaria, Coesco Deza S.L (Culinaria), e denuncian que a empresa prohibiu o acceso ás instalacións aos tres empregados/as nada máis gañar o concurso o pasado 1 de agosto. Ademais, négase a entregarlles a carta de despedimento e a documentación necesaria para poder cobrar a prestación por desemprego.
19/8/13.

A cafetería da TVG permaneceu pechada durante toda a xornada, confirmando o éxito do paro convocado nas instalacións de San Marcos para rexeitar os despedimentos. Os afectados/as adiantaron que barallan desenvolver novas mobilizacións nos vindeiros días para darlle continuación ásconcentracións levadas a cabo recentemente diante do edificio do ente público en San Marcos

A nova concesionaria da cafetería da TVG, Coesco Deza S.L., comezou a xestionar a cafetería en réxime de concesión o 1 de agosto. Nos pregos de condicións estaba prevista a subrogación de todo o cadro de persoal, composto por 13 persoas. Porén tres traballadores/as non puideron sequera acceder ás instalacións da TVG ao impedírenllo os gardas de seguridade da compañía.

Cando preguntaron polo motivo, os propios gardas de seguridade explicáronlles que segundo a información que tiñan non pertencían a ningunha das empresas que operan nas instalacións do ente público.

A CIG-Servizos xa responsabilizou no seu momento á dirección da CRTVG desta situación porque é quen dá as ordes ao persoal de seguridade e denunciou ademais o incumprimento da normativa laboral, xa que foi así como estes traballadores souberon que estaban despedidos. Porén, nin desde a dirección da compañía, nin desde Coesco Deza S.L. deron explicación algunha.

De feito, a estas alturas as traballadoras e traballadores teoricamente despedidos non recibiron aínda a comunicación de despedimento nin a documentación necesaria para rexistrarse no paro e poder así solicitar unha prestación por desemprego. Por iso estase xa preparando unha demanda para que a xustiza aclare a súa situación.

A CIG-Servizos denuncia o incumprimento, por parte da concesionaria, do prego de condicións e a actuación “absolutamente irregular” da CRTVG por teren permitido que a empresa o incumprira.

Os traballadores/as despedidos recibiron desde o primeiro momento o apoio dos Comités da CRTVG, TVG e RAG, xunto co Comité Interempresas, así como delegados de persoal, comités de empresa e traballadores en xeral, que acordaron, en canto foron coñecedores da súa situación, boicotear a cafetería o que está a provocar que a actividade na mesma sexa practicamente nula.