Comités de Urbaser-Ferrol e Cespa-Pontevedra apoian a loita de Albada e o paro deste luns

Os traballadores/as de Nostián, en folga dende o 28 de xullo, convocan unha manifestación este martes ás 12.00 horas
Os comités de empresa de Urbaser en Ferrol e de Cespa en Pontevedra veñen de facer público un comunicado no que se solidarizan coa loita dos traballadores/as de Albada e amosan o seu apoio á xornada de folga de 24 horas convocada no sector de limpeza viaria, recollida de lixo e tratamento de residuos da área da Coruña dende as 23.00 horas deste luns 26 de agosto até as 23.00 horas do martes 27. O paro, enmarcado nunha loita conxunta cos traballadores/as de Albada, afectará aos centros de traballo de Cespa-A Coruña, Cespa-As Mariñas e o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (incluído o vertedoiro da Areosa.
25/8/13.

A convocatoria de folga enmárcase nos acordos adoptadosrecentemente entre a representación do persoal destes centros, o comité de Albada e as organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT co obxectivo de promover mobilizacións conxuntas en defensa das condicións laborais e salariais de todos os traballadores/as do sector e en solidariedade coa loita que están a realizar os empregados/as da planta de tratamento de lixo de Nostián.

A este respecto, no escrito da convocatoria explícase que se acordou promover a folga ante a grave situación derivada da aprobación da reforma laboral, así como das últimas medidas legais aprobadas polo Goberno, “que abren extremas incertezas ante o uso e abuso que desde a patronal do sector e desde as direccións das empresas se fai para desmantelar a negociación colectiva, recortar dereitos, reducir salarios e recortar cadros de persoal”, empeorando substancialmente as condicións de traballo e sen ofrecer en ningún caso garantías de mantemento dos niveis de emprego.

Manifestación este martes na Coruña

Os traballadores/as de Albada continúan adiante coa folga indefinida iniciada o pasado 28 de xullo en defensa do convenio e pola readmisión dos compañeiros/as despedidos/as. Esta mesma semana decidiron ampliar as protestas despois do fracaso da mediación convocada polo Consello Galego de Relacións Laborais, polo que este martes 27 de agosto percorrerán en manifestación as rúas da Coruña. A marcha partirá da Praza de Pontevedra ás 12.00 horas, unha hora despois de que remate a xornada de paro na limpeza viaria, recollida de lixo e tratamento de residuos da área coruñesa.

Por outra banda, os grupos da oposición do Concello da Coruña (BNG, PSOE e Esquerda Unida-Os Verdes) reclamaron este venres unha reunión co alcalde para esixirlle que medie no conflito laboral creado por Albada, “que incrementa beneficios por conta de cobrarlle ao Concello por un servizo que non presta, o da reciclaxe, e por conta de recortarlles dereitos aos traballadores/as e para pórlle fin á fraude social da reciclaxe, xa que se lle está a cobrar á cidadanía unha taxa por un tratamento de residuos que non está a ter lugar”.

Segundo sinalaron dende a organización nacionalista, “o silencio e a pasividade do Goberno do PP en todo que ten a ver coa planta de Nostián evidencian a súa complicidade coa empresa e os seus intereses; primeiro, impedindo que visitemos as instalacións; segundo, evitando que consultemos o resultado das auditorías técnica e económica de Albada, auditorías que poñen de manifesto o grao de incumprimento da empresa; e terceiro, negándose a manter unha reunión co comité de empresa e negándolles aos grupos da oposición un espazo municipal para se reuniren co comité”.