O 100% secundan a folga do lixo na Coruña e máis dun milleiro de persoas participan na marcha de apoio

Durante o paro de 24 horas en solidariedade coa loita de Albada houbo incendios na planta de Nostián e nos puntos limpos
A totalidade dos empregados/as da limpeza viaria, recollida de lixo e tratamento de residuos da área da Coruña sacundan o paro de 24 horas en apoio da loita de Albada que se desenvolve dende as 23.00 horas do luns e que rematará ás 23.00 horas deste martes 27. Durante a noite produciuse a queima de ducias de contenedores e rexistráronse incendios na planta de Nostián e nos puntos limpos de Eirís e A Grela.
27/8/13.

O paro no servizo de limpeza e recollida de residuos da área coruñesa deixouse sentir dende primeiras horas e afectou aos centros de traballo de Cespa-A Coruña, Cespa-As Mariñas e o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (incluído o vertedoiro da Areosa).

Na cidade herculina varios centos de persoas que integraban un piquete impediron a saída dos camións de recollida, que tiveron que ser escoltados por un amplo depregue policial.

Por outra banda, as seccións sindicais de Atento-Coruña (CGT, CIG, UGT e USO) manifestaron o seu apoio ós traballadores/as de Albada “na súa loita contra a baixada de salarios, a suba de horas de traballo e os despedimentos que a empresa pretende efectuar mentres cobra por un servizo de reciclaxe que non realiza”. Anteriormente fixérano distintos comités das concesionarias do lixo galegas.

Manifestación

Arredor dun milleiro de persoas participaron na manifestación convocada este mediodía na Coruña en apoio dos traballadores/as e na defensa da planta de Nostián. A macha, que partiu da Praza de Pontevedra pasadas as 12.00 horas, rematou hora e media despois diante do Concello, onde interviron os secretarios comarcais da CIG, CCOO e UGT.

O responsábel da central nacionalista, Paulo Carril, incidiu na importancia da mobilización, felicitou os empregados/as polo seu compromiso coa defensa dunhas condicións laborais dignas e sinalou a súa loita como un “exemplo para toda a clase traballadora”.