Empregadas/os da limpeza do Xeral-Cíes mobiliza- ranse contra a intención de non aplicar o convenio

Realizarán concentracións diarias pola mañá e pola tarde á entrada do centro médico vigués na hora do bocadillo
O cadro de persoal do servizo de limpeza do hospital vigués Xeral-Cíes convoca unha serie de mobilizacións para rexeitar a intención da nova concesionaria de non aplicar o convenio de empresa que levaba vixente dende a década dos 80. Denuncian que Clece pretende eliminar dereitos laborais e ameaza con aplicar o artigo 41 e modificar substancialmente as condicións de traballo.
02/9/13.

Dende a federación de Servizos da CIG de Vigo explican que a concesión administrativa da limpeza do hospital Xeral-Cíes saíu a concurso recentemente despois de que a empresa Faro se fixese cargo do sevizo durante 24 anos. O 1 de setembro prodúcese a subrogación a cargo da compañía Clece, que presentou unha oferta de 3.600.000 euros fronte aos 4.200.000 nos que se fixou o custe do servizo.

“No seu día presentamos alegacións porque entendemos que o prezo non cubría o servizo, pero non nos fixeron nin caso”, critican dende a CIG, ao tempo que lembran que a oferta de Clece inclúe un ano de contrato e outro de prórroga, “ademais de facerse coa limpeza do Rebullón, do arquivo e dos ambulatorios de Coia e da Doblada”.

Nada máis gañar o concurso a empresa comunica que non asume o convenio de empresa, vixente dende os anos 80, e pretende negociar un novo eliminando dereitos laborais. “Ante a negativa da parte social ameaza con aplicar o artigo 41 e introducir modificacións substanciais”, denuncian. De feito, o 1 de setembro marcharon 30 persoas de vacacións e só incorporaron sete en lugar de 22 persoas como fixeron en xullo e agosto, “polo que non se pode facer ben o servizo de limpeza”.

Dende a CIG-Servizos sosteñen que a Xerencia do centro médico é coñecedora da situación polo comité, “pero dixéronnos que van preguntarlle á empresa se é certo”. Con todo, na central nacionalista aseguran ter constancia de que o domingo 1 de setembro a empresa obrigou a unha contratada a facer quenda de mañá e de noite o mesmo día.

Fronte a isto, convocan unha serie de mobilizacións que se desenvolverán a partir deste martes 3 de setembro na entrada do centro médico vigués coincidindo coa hora do bocadillo. As concentracións no hall do hospital terán lugar entre as 10.00 e as 10.30 horas na quenda de mañá e de 18.00 a 18.30 na quenda de noite.

Finalmente, lembran que este centro de traballo estivo 17 días de folga para conseguir a equiparación cos traballadores/as do Sergas e que as 130 persoas que integran o cadro de persoal non están dispostas a perder os seus dereitos.