Persoal de limpeza do Xeral-Cíes protesta contra a intención de non aplicar o convenio propio

Os afectados/as realizan concentracións diarias en hoario de mañá e tarde na entrada do centro médico vigués
O persoal de limpeza do hospital Xeral-Cíes de Vigo iniciou hoxe as mobilizacións para rexeitar a intención da nova concesionaria do servizo, Clece, de non aplicar o convenio colectivo de empresa, o que suporá unha importante perda de dereitos laborais. As mobilizacións continuarán a diario en horario de mañá e tarde coincidindo coa hora do bocadillo.
03/9/13.

As afectadas/os concentráronse por espazo de media hora no hall do edificio e posteriormente trasladaron a protesta ás zona de Urxencias, onde berraron consignas en defensa das condicións de traballo.

As mobilizacións continuarán a diario en horario de mañá (de 10.00 a 10.30 horas) e tarde (de 18.00 a 18.30 horas) coincidindo coa hora do bocadillo.

Dende a federación de Servizos da CIG de Vigo explican que a concesión administrativa da limpeza do hospital Xeral-Cíes saíu a concurso recentemente despois de que a empresa Faro se fixese cargo do sevizo durante 24 anos.

O 1 de setembro prodúcese a subrogación a cargo da compañía Clece, que presentou unha oferta de 3.600.000 euros fronte aos 4.200.000 nos que se fixou o custe do servizo.

“No seu día presentamos alegacións porque entendemos que o prezo non cubría o servizo, pero non nos fixeron nin caso”, critican dende a CIG, ao tempo que lembran que a oferta de Clece inclúe un ano de contrato e outro de prórroga, “ademais de facerse coa limpeza do Rebullón, do arquivo e dos ambulatorios de Coia e da Doblada”.

Nada máis gañar o concurso a empresa comunica que non asume o convenio de empresa, vixente dende os anos 80, e pretende negociar un novo eliminando dereitos laborais. “Ante a negativa da parte social ameaza con aplicar o artigo 41 e introducir modificacións substanciais”, denuncian. De feito, o 1 de setembro marcharon 30 persoas de vacacións e só incorporaron sete en lugar de 22 persoas como fixeron en xullo e agosto, “polo que non se pode facer ben o servizo de limpeza”.