Os traballadores/as de Albada reciben o apoio dos grupos municipais e continuarán coa loita

Comité e organizacións sindicais mantiveron un novo encontro con representantes das formacións políticas
Representantes do Comité de Albada e das centrais sindicais CIG, UGT e CCOO mantiveron este xoves un novo encontro cos grupos municipais do PSOE, EU e BNG para explicar a situación actual do conflito na planta de Nostián. Todas as formacións políticas coincidiron en criticar o lamentábel papel que está a desenvolver o Goberno do PP, ao tempo que denunciaron as pretensións da empresa de recortar condicións laborais, cando non está a reciclar a porcentaxe comprometida e non cumpre as condicións da concesión.
05/9/13.

Ao remate do encontro, que se produciu no Pazo de María Pita, o Presidente do Comité de Albada, José Manuel Vilariño, valoraba que, tras corenta días de folga, os traballadores/as están máis concienciados ca nunca da necesidade de “aguantar e estamos motivados para aguantar”. Neste senso, agradeceu que, logo de tanto esforzo, por primeira vez un responsábel político saia á palestra para verificar ás denuncias dos traballadores/as a respecto do pésimo funcionamento da planta de Nostián e a nefasta xestión por parte de Albada.

Vilariño referíase así as declaracións do Presidente do Consorcio das Mariñas, José Antonio Santiso, nas que denuncia que a empresa non cumpre “nin por asomo” cos niveis de reciclaxe comprometidos na concesión. Dende o propio Comité tense advertido en numerosas ocasións que a reciclaxe que se realiza na planta é moi baixa, e que a filial do Grupo Urbaser pretende converter as instalacións nunha planta de transferencia de residuos.

“As declaracións de Santiso dannos a razón e deixan en evidencia que o Concello da Coruña non fai nada máis que mirar para outro lado”, aseverou o representante do persoal. Neste senso, sinalou que o Comité aínda agarda que o alcalde, Carlos Negreira, atenda a solicitude de reunión cursada hai meses “cando nós o único que queremos é explicarlle como está a situación na planta, que alí non se recicla nin se trata o lixo, e que a empresa practica un roubo social”.

Vilariño reiterou unha vez máis a petición de que non se cobre aos veciños e veciñas da Coruña e o Consorcio a parte da taxa do lixo correspondente á reciclaxe, durante o tempo que dure a folga, “porque é un servizo que non se está a realizar”.

O Presidente do Comité insistiu en que os traballadores/as continuarán adiante coas mobilizacións nos vindeiros días coa recollida de sinaturas para a devolución desa taxa do lixo e acudindo ao pleno municipal do vindeiro luns.

A maiores está programada unha nova reunión cos Comités e representantes de persoal das empresas do sector para avaliar a convocatoria de mobilizacións conxuntas. A este respecto, Vilariño indicou que non se descarta a convocatoria dunha nova xornada de folga, ou mesmo un paro indefinido, nos sector de tratamento e recollida de lixo da comarca.

Así mesmo, estúdase solicitar unha reunión co Presidente do Consorcio das Mariñas para abordar a situación das instalacións de Nostián.

En canto á mesa negociadora, insistiu en que a parte social non está a pedir ningunha suba salarial nin conxelación, “estamos a ofrecer a perda de 350.000 euros en salarios para reducir custes, unha proposta que a empresa non se digna a aceptar”. “Non entendemos entón porque se di que hai que subir a taxa do lixo para facer fronte ao salario dos traballadores/as, cando iso non é verdade”, denunciou.

Vilariño referiu que os representantes dos traballadores/as acudirán a todas cantas reunións propoña a mediadora, mais esperan que a próxima xuntanza que se convoque sirva para achegar posturas. “Se nós acudimos para xuntar posturas e a empresa só quere afastalas, pois a reunión non valerá de nada”, sentenciou.