Os traballadores/as de Albada proseguen coas mobilizacións na Praza de María Pita

Coincidindo coa celebración do pleno municipal no que se presentaron varias mocións a respecto da planta de Nostián
Traballadores e traballadoras de Albada, en folga dende o pasado 28 de xullo, realizaron unha concentración este luns ás portas do Concello da Coruña, coincidindo coa celebración do pleno municipal, no que se ían tratar varias mocións a respecto da planta de tratamento de residuos e o conflito que se vive na mesma.
09/9/13.

“Estaremos na rúa reclamando os nosos dereitos até que faga falta”, aseveraba o Presidente do Comité, Xosé Manuel Vilariño, durante a concentración, na que se corearon consignas contra o goberno municipal e Florentino Pérez (propietario de Urbaser, o grupo empresarial ao que pertence Albada).

Vilariño considera que os traballadores/as están a ser utilizados por Albada para presionar ao Concello, no marco das negociacións económicas que manteñen ambas partes. “Como a empresa non pode sacar a pancarta, obrigan aos traballadores/as a saír á rúa facendo despedimentos e coa negociación abusiva do convenio colectivo, que non é negociación porque Albada non pretende negociar, senón impor”, aseverou.

En canto á decisión de Albada de presentar un ERTE, Vilariño lembrou que a regulación temporal para o conxunto dos traballadores/as era unha das medidas recollidas no plan de viabilidade proposto hai máis de un mes polo Comité e as organizacións sindicais. “Evidentemente nós propomos un ERTE pactado entre empresa e traballadores/as, pero agora a empresa desvincúlase de calquera acordo con nós e aplicaran o que a lei lles permita”, criticou.

Nova reunión cos comités e a mediadora

Para este martes está prevista unha nova reunión entre as organizacións sindicais, os Comités de Albada, Cespa-A Coruña, Cespa-As Mariñas, Sogama e, á que previsibelmente tamén acudirá a representación da planta de tratamento de residuos de Lousame, para avaliar a situación do conflito e estudar un novo calendario de mobilizacións conxuntas en defensa dos traballadores/as do sector.

Así mesmo, mañá pola tarde haberá unha nova reunión coa mediadora, pero dende o Comité de Albada non agardan grandes avances, á vista da posición inmobilista que mantén a empresa dende o inicio das negociacións.