As centrais sindicais e Comité de Albada anuncian mobilizacións “contundentes” no sector do lixo

A representación social reivindica do Concello da Coruña que rescate a concesión da planta polos reiterados incumprimentos
As centrais sindicais e o Comité de Albada anunciaron este mediodía a realización de “accións contendentes” nos vindeiros días nas empresas de recollida de lixo e tratamento de residuos da comarca da Coruña. Así se acordou durante a xuntanza que mantiveron cos Comités de Cespa-A Coruña, Cespa-As Mariñas, Sogama, e o vertedoiro da Areosa e á que, desta volta, tamén se sumou a representación do persoal da planta de tratamento de residuos de Lousame.
10/9/13.

A reunión entre as distintos Comités e delegados/as e as centrais sindicais CIG, UGT, CCOO e STL, dá continuidade ás conversas iniciadas hai unhas semanas e que derivaron na convocatoria dunha exitosa xornada de folga nos distintos centros de traballo. Novamente, os/as representantes dos Comités e delegados/as trasladaron o apoio e solidariedade aos traballadores e traballadoras de Albada, pola “exemplar loita” que están a desenvolver “contra a desfeita laboral que pretende aplicar Florentino Pérez na planta de Nostián, valéndose da reforma laboral do PP”.

Aínda que non concretaron o formato destas novas accións á espera do que se decida nas asembleas de traballadores/as dos distintos centros, os voceiros do colectivo adiantaron que as mobilizacións serán “conxuntas e contundentes”. O encontro, aseveraron, confirma a preocupación que existe no sector porque este tipo de prácticas se estendan ao resto das empresas.

O Secretario de Organización da CIG, Paulo Carril, denunciou unha vez máis que Albada está a cometer unha “estafa social”, xa que a cidadanía paga unha taxa por unha reciclaxe inexistente, que só serve para incrementar os beneficios de Florentino Pérez (propietario do Grupo Urbaser), por levar o lixo sen tratar a outros vertedoiros do grupo empresarial. A este respecto, acusou a Albada de buscar un cambio no modelo de Nostián, para convertela nunha planta de transferencia.

“Entendemos que somos vítimas dunha chantaxe de Florentino Pérez, que se vale dos traballadores/as e utiliza como reféns á todos/as os/as cidadáns/ás para presionar nas negociacións económicas co Concello da Coruña e o Consorcio das Mariñas”, denunciou o representante sindical.

E nesta liña, valorou, enmárcase a presentación do ERTE por parte da empresa, pois esta medida non ten a ver coa proposta de regulación temporal feita pola parte social dentro dun plan de viabilidade para reducir custes, senón que a dirección a xustifica como consecuencia da non chegada de residuos á planta, procedentes dos concellos do Consorcio das Mariñas, dende o inicio da folga.

“Gustaríanos que o alcalde da Coruña actuase de forma contundente contra a chantaxe que Florentino Pérez fai utilizando os traballadores/as e a cidadanía”, manifestou Carril.  Unha actitude que contrasta co “beneficio social” da proposta de viabilidade presentada polas centrais e o Comité destinada a manter o emprego e a garantir a reciclaxe e tratamento dos residuos.

Paulo Carril cualificou de “indignante” que a pesar de que o Presidente do Consorcio das Mariñas teña corroborado as denuncias dos/as traballadores/as, “iso só quede en declaracións públicas e non se traduza en actuacións contundentes contra Albada. Tan contundentes, criticou, como a criminalización que o alcalde da Coruña ten feito dos traballadores/as dende o inicio do conflito”. Por iso mesmo, tamén instou ao Presidente do Consorcio a denunciar na Fiscalía os incumprimentos das condicións da contrata por parte de Albada ou a instar o Concello da Coruña a rescatar a concesión.

Solicitude de rescate da concesión

Pola súa banda, o Secretario da Federación de Actividades Diversas de CCOO, Enrique Llanes, apuntaba que os traballadores/as non descartan pedir legalmente a recuperación da explotación das instalacións de Nostián, ao constatarse –segundo os propios datos do Consello Consultivo de Galiza- a “estafa que practica Florentino Pérez”.

A este respecto, recordou que se construíu un vertedoiro para 20 anos (o tempo que dura a concesión) que se encheu en dous anos, “porque se incumpriron as plicas asinadas en canto aos niveis de reciclaxe”. De feito, a propia empresa estimaba que habería un 35% de rexeitamento dos residuos, “cando a realidade é que hai un 69% de rexeitamento. O que fixo Albada foi levar este lixo a outro vertedoiro do grupo Urbaser”, denunciou.

Abundando neste aspecto, Juan Carreira, Secretario da Federación de Servizos de UGT-A Coruña, aseverou que “o lixo é un dos grandes negocios dos nosos tempos”. Ao tempo, reivindicou que se os traballadores/as están dispostos a asumir (con carácter temporal) unha redución de 350.000 euros nos custes á súa costa, este recorte tamén ten que repercutir nunha baixada do prezo da taxa do lixo para a cidadanía.