Empregadas/os da limpeza do Xeral-Cíes forzan unha xuntanza co xerente do Sergas tras unha protesta

A reunión co comité de empresa de Clece, a nova concesionaria do servizo, será este mércores 18 de setembro ás 8.00 horas
O comité de empresa do servizo de limpeza do hospital Xeral-Cíes de Vigo manterán unha xuntanza co xerente do Sergas o vindeiro mércores 18 tras a protesta celebrada hoxe ás portas do seu despacho no centro médico. As afectadas/os denuncian que Clece, a nova concesionaria, pretende aplicarlles o convenio provincial e modificar as condicións de traballo, polo que manteñen a convocatoria de folga para outubro.
13/9/13.

Dende a federación de Servizos da CIG de Vigo explicaron que a mobilizacións das traballadoras/es tiña por obxecto forzar ao xerente do Sergas, Mario González González, a contestarlles a petición de xuntanza por parte do comité para abordar o conflito laboral xerado tras a chegada da nova concesionaria. Tras a concentración ás portas do despacho recibiron a notificación de que a xuntanza terá lugar o mércores ás 8.00 horas.

Denuncian que Clece a comezou a aplicar o convenio provincial de limpeza -cando existe convenio propio dende os 80- aos traballadores/as contratados/as, polo que presentaron a correspondente denuncia diante da Inspección de Traballo. “Con todo, o xoves rematan as negociacións e será daquela cando saibamos o que pretende realmente a empresa”, sosteñen.

As afectadas/os continuarán coas mobilizacións diarias á entrada do hospital Xeral en horario de mañá e tarde (10.00 e 18.00 horas) coincidindo co descanso do bocadillo.