Persoal da Valle Inclán concéntrase na consellaría de Traballo para reclamar a súa intervención

Reuníronse posteriormente cos grupos parlamentarios
Persoal da Residencia da terceira idade Valle Inclán de Vilanova de Arousa concentrábase esta mañá diante da consellaría de Traballo e Benestar, en Compostela, para reclamar a súa intervención ante a situación de represión e recortes que están a padecer. Desde xaneiro deste ano, coincidindo coa entrada do novo director, comezou a discriminación salarial e salarios non abonados a persoas afiliadas ou que participaron en candidaturas nas eleccións sindicais, modificacións de tarefas e categorías profesionais, destitución de cargos, rebaixa nas retribucións, reducións nas bases de cotizacións e 39 despedimentos, entre eles, todo o comité de empresa.
13/9/13.

Hai menos de un mes, unha representación das traballadoras/es e da CIG entrevistábase coa Secretaria Xeral Técnica da consellaría de Traballo e Benestar, María Jesús Lourenzano, para pór no seu coñecemento a situación laboral que se vive na residencia Valle Inclán -e que así certificou a Inspección- e demandar a intervención da consellaría. Xoán Xosé Bouzas, en representación da Unión Local do Salnés, lembra que no decurso da xuntanza Lourenzano pediu uns días tras dos que chamaría para dar unha resposta.

O pasado luns recibiron a súa chamada. Porén, a secretaria xeral técnica da consellaría o que fixo foi solicitar que remitiran por escrito todo o tratado na xuntanza. Por iso esta mañá as traballadoras e traballadores concentrábanse diante da consellaría e facían entrega, no rexistro, dun escrito dirixido á propia conselleira no que se fai un percorrido pola situación da empresa, se solicita unha reunión urxente coa conselleira e se demanda da consellaría que “dea os pasos necesarios” para que se poida resolver o conflito.

Bouzas subliña que o centro ten un concerto coa Xunta polo que está recibindo cartos públicos e que das aproximadamente 160 prazas de residentes, 110 son concertadas, 20 con axudas da Xunta de Galiza, 1 cheque asistencial e o resto privadas, o que entende que xustificaría a súa inmediata intervención. Xunto a isto sinala a rebaixa da calidade asistencial provocada “non pola falta de profesionalidade” do persoal “senón polas decisións da dirección da empresa. Unha situación que xa está a provocar as queixas de familiares e residentes.

Ao remate da concentración, contra as 13:30 horas, tiñan confirmadas tamén entrevistas con todos os grupos parlamentarios para expor a súa situación e solicitarlles que se sumen á súa reclamación de intervención da Xunta.

Viajes Silgar S.L., empresa que dirixe Enrique Martínez como director xeral, director financeiro, director comercial e director de recursos humanos atóopase ne concurso de acredores, cun convenio asinado en 2011 cos diferentes acredores polo que tiña que pagar unhas débedas que ascendían a preto de 2 millóns de euros.

Durante o ano 2012, tal e como se recolle no escrito dirixido á conselleira, a dirección existente e o administrador único fixeron un uso indebido dos fondos da sociedade desviando fondos a contas persoais, creando outras sociedade, comprando coches de alta gama... cando ás traballadoras e traballadores se lles adebedaban 4 mensualidades e non se estaban a cumprir as sentenzas condenatorias dos xulgados do social de Pontevedra. Non se presentaron as contas no Rexistro Mercantil nos prazos sinalados legalmente polo que se descoñece a canto ascenden as débedas, xa que é unha información que se lle nega ao comité de empresa.

Unha vez toma posesión o novo director, Enrique Martínez, en xaneiro de 2013, este manifesta a súa intención de non asumir ningunha das débedas anteriores e rematar co comité de empresa. Comezan ademais a represión e os recortes e prodúcese logo o despedimento de 39 traballadores/as.

Inicialmente a empresa alega que se trata de despedimentos por causas obxectivas, pero ao chegarse a determinado número pasa a considerarse despedimento colectivo. Por iso, e para non chegar a este caso, a empresa cambia a modalidade de despedimento e pasa a denominalos disciplinarios, alegando baixo rendemento.

Así, nos primeiros despedimentos ao ter rebaixado con anterioridade os salarios e, polo tanto, as bases de cotización, as prestación que cobran por desemprego son menores, ao igual que ocorre coas indemnizacións, que tamén son menores aínda que, en todo caso, non foron abonadas, como tampouco o foron os salarios pendentes das últimas mensualidades.

Porén nos seguintes, os considerados disciplinarios, até que se celebre o xuízo e saia a sentenza, tampouco paga nin as mensualidades adebedadas nin as indemnizacións.

Xunto a isto, sucédense as represalias ás traballadoras que interpuxeron demanda por reclamar por cambio de categoría ou a retribución e o conxunto do cadro de persoal recibe a comunicación de que non se lles van pagar os complementos nin as pagas extra de 2012, 2013, 2014 e 2015.

Alén disto, e dos numerosos incumprimentos de dereitos laborais recoñecidos, como redución de xornada por coidado de fillas/os ou da persecución ao comité de empresa, hai unha cesión ilegal de traballadoras/es á empresa NURTIME, na que o administrador único é, ao igual que en Viajes Silgar, Francisco Rodríguez. E non só iso, senón que ademais nomean á irmá do director de Viajes Silgar xerente de NUMERTIME. Deste xeito, Viajes Silgar pasa a ter un cadro de persoal de 90 traballadoras/es a ter 1.

Ao requirimento da Inspección e do Xulgado do Social de Pontevedra para que a empresa puxera a disposición do comité de empresa e do xulgado todo o referente ao estado das sociedades e situación das empresas, a resposta é o despedimento do resto dos membros do comité, a outro grupo de traballadores/as e das delegadas das seccións sindicais, un total de 39.

Ante esta situación entenden que a Xunta ten que actuar xa que, alén dun conflito laboral é un problema social, “tanto para as traballadoras/es, como polos servizos que alí se prestan e, ademais por ser unha empresa que está a xestionar cartos público, polo tanto debe ser vixiada e fiscalizada para o cumprimento da máis estrita legalidade tanto en materia laboral como no referente aos requisitos exixidos no concerto”.