O Comité de Albada advirte que interporá todos os recursos oportunos para impedir a aplicación do ERTE

Presentará demanda de tutela de dereitos fundamentais e reclama ao Concello que rescinda o contrato ante os incumplimentos
O Comité de Albada vén de adiantar que vai interpoñer todos os recursos legais oportunos para pór freo ao expediente de regulación temporal de emprego que a filial do grupo Urbaser pretende levar adiante na planta de Nostián. A representación dos traballadores/as considera que este ERTE é unha fraude e reclama do Concello da Coruña que actúe dunha vez contra os reiterados incumprimentos da empresa e recupere a xestión da planta, a través da rescisión do contrato con Albada.
16/9/13.

A continuación reproducimos o comunicado do Comité:

Ante a proposta de inicio de período de consultas do ERTE por parte da empresa, o Comité de Albada quere facer as seguintes aclaracións:

- O ERTE presentado pola empresa é unha fraude e é ilegal. Esta medida non ten a ver coa proposta de regulación temporal feita pola parte social dentro dun plan de viabilidade para reducir custes, garantir a continuidade do emprego e a reciclaxe; senón que a dirección a xustifica como consecuencia da non chegada de residuos á planta procedentes do Consorcio das Mariñas dende o inicio da folga.

Por iso mesmo, dende o Comité advírtese que se van interpoñer  todos os recursos legais oportunos para pórlle freo ao expediente de regulación. Ademais, presentarase demanda de tutela de dereitos fundamentais, neste caso o dereito á folga, que a empresa quere vulnerar a través deste ERTE.

- A presentación do ERTE demostra e volve dar a razón ás denuncias do Comité a respecto da extorsión de Albada ao Concello da Coruña e o Consorcio das Mariñas. Somos as vítimas da chantaxe de Florentino Pérez, que se vale dos traballadores/as e utiliza como refén a toda a cidadanía para presionar nas negociacións económicas co Concello da Coruña e o Consorcio das Mariñas. Xa estamos fartos de seren castigados por un conflito que nos resulta alleo.

- Para o Comité resulta inconcibíbel e un auténtico escándalo que tanto o Consorcio das Mariñas como o Concello da Coruña continúen sen actuar ante o incumprimento sistemático do prego de condicións por parte da empresa, polo que pedimos ao Concello que interveña de inmediato e se faga coa xestión directa da planta, a través da rescisión do contrato.