O sector do lixo da comarca da Coruña irá a unha nova xornada de folga o 5 de outubro

O paro desenvolverase dende as 23 horas do venres día 4 até as 23 horas do sábado
As organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT veñen de confirmar, tras a celebración este mércores dunha asemblea cos Comités e delegados/as de Albada, Cespa-A Coruña, Cespa-As Mariñas, Sogama e a planta de Lousame, a convocatoria dunha nova xornada de folga no sector da recollida e tratamento de lixo que se desenvolverá entre as 23:00 horas do venres 4 de outubro e as 23:00 horas do sábado 5 de outubro.
18/9/13.

O paro convócase en contra da estafa social que están a practicar as empresas relacionadas co sector do lixo, en defensa dos convenios colectivos, polo emprego e contra a reforma laboral. O día da folga tamén se vai realizar unha manifestación, ás doce do mediodía, polas rúas da Coruña (cuxo percorrido aínda está por determinar). Así mesmo, as centrais sindicais xa apuntaron que este é un novo paso no conflito, e que haberá máis mobilizacións e accións contundentes.

En canto á situación na planta de Albada, CIG, CCOO e UGT informaron que van presentar demanda de tutela de dereitos fundamentais, concretamente o dereito á folga, que a empresa quere coartar a través do ERTE. Un expediente de regulación fraudulento contra o se interporán todos os recursos legais oportunos para evitar a súa aplicación.

Neste senso, as organizacións sindicais entenden que a presentación do ERTE confirma a mala fe e a nula vontade da empresa para negociar, pois dende o inicio do conflito mantívose inmóbil nas súas propostas de recortes e agora pretende impor unha medida que afonda na chantaxe á que Albada ten sometida aos traballadores/as e ao conxunto da cidadanía, vítimas dunha estafa social, xa que están a pagar por unha reciclaxe que non se fai.

CIG, CCOO e UGT consideran intolerábel que o goberno municipal pretenda manterse á marxe, cando está constatado por organismos oficiais (informe do Consello Consultivo de Galiza e datos do Consorcio das Mariñas) que Albada incumpre de xeito sistemático as condicións da concesión dende o ano 2001.

Paras as centrais sindicais, ante a evidente a estafa social no lixo e, tendo en conta as denuncias públicas lanzadas dende o Consorcio, resulta obrigado que o Concello da Coruña rescinda a concesión de xeito inminente e asuma a xestión directa da planta, para rematar así de unha vez coa chantaxe de Albada.