Manifestación o 29 de setembro por unha nova política forestal e a profesionalización da extinción

 Baixo o lema “Por unha política forestal sostíbel servizo único, público e profesional. Non máis lumes”
A Plataforma en Defensa do Servizos Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais vén de anunciar a convocatoria dunha manifestación nacional en demanda dun servizo único, público e profesional de prevención e extinción; a ordenación do territorio; unha verdadeira política forestal; fomentar na sociedade e nas escolas unha cultura de defensa dos nosos valores naturais, ambientais e paisaxísticos e a creación dunha mesa de diálogo con todos os sectores afectados. A manifestación saíra ás 12:00 horas do domingo 29 de setembro da Estación do Tren de Compostela.
20/9/13.

Xunto a isto, a Plataforma convoca unha semana de loita , cunha concentración o día 24, ás 11:30 horas, diante do SPDCIF e marchas en diferentes zonas do país afectadas pola vaga de lumes, ás que chaman a participar a veciñas e veciños, colectivos, asociacións ecoloxistas e organizacións de todo tipo.

As marchas terán lugar a vindeira semana:

- Mércores 25, ás 16:30 h: Desde Burgueira (Oia) até Baiona

- Xoves 26, ás 16:30 h: Desde As Neves até Ponteareas

- Venres 27, ás 16:30 h: Desde Pontecaldelas até Pontevedra

- Sábado 28, ás 17:00 h: Desde o Monte Xiabre até Vilagarcía

- Domingo 29, ás 10:00 h: Desde o Milladoiro até Compostela

Respecto das mobilizacións, o secretario nacional de CIG-Servizos, Paulo Rubido, matizou que se até o de agora estiveran vinculadas a demandas estritamente laborais, desta volta a pretensión da Plataforma é que sexan mobilizacións de carácter social. Neste sentido lembrou que na Plataforma xa están integradas organizacións ecoloxistas como ADEGA ou Verdegaia e que xa manifestaran o seu apoio organizacións como o Sindicato labrego Galego ou a de Montes en Mancomún, ademais de sumarse á convocatoria os bombeiros dos parques privados de Galiza. “A cidadanía ten que ser quen realmente exixa os cambios que hai tempo que se tiñan que ter feito”, dixo.

A preguntas dos xornalistas Rubido desmentiu tamén que se vaia prorrogar este ano a campaña, tal e como afirmou o Presidente da Xunta, do momento no que a finais deste mes 400 traballadores/as do SPDCIF, nomeadamente vixiantes de torreta e motobomba finalizan os seus contratos e que 500 traballadores/as de Seaga cesan entre os días 5 e 7 de outubro.

En todo caso matizou que brigadistas que foron contratados despois de mediados de agosto, como ocorreu en Oia, si continuarán até que transcorran os 3 meses de contrato. “Isto non se debe a unha prolongación da campaña, senón ao atraso que houbo nas súas contratacións”, afirmou. 

A Plataforma, que agrupa ás organizacións sindicais e comités de empresa dos diferentes medios tanto públicos como privados que traballan nas tarefas de extinción en Galiza, así como a colectivos profesionais, ecoloxistas e de montes en man común, acordou unificar as distintas voces para denunciar tanto a fragmentación do servizo propio da Xunta de Galiza como a privatización dunha parte deste. “Esté é un dispositivo indispensábel para este país e esta situación non só representa un problema laboral, senón que afecta directamente ao conxunto da sociedade galega”, afirmaron.

Considera que a realidade vén a demostrar que a liña de actuación do Goberno galego “fracasa na xestión forestal, fracasa na ordenación do territorio e no medio rural e fracasa na planificación da prevención e da extinción”. Unha postura, aseguran, “que lonxe de xerar cultura para evitar os incendios forestais crea un problema social” como entende que demostra que despois de máis de corenta anos de lumes e de queimar unha superficie parella a todo o territorio “aínda non fomos quen de atopar unha solución axeitada”.

Denuncia a inexistencia dunha planificación da tarefas de prevención en todo o territorio e previa ao verán, especialmente nas zonas de máis alto risco ou alto valor ecolóxico ou paisaxístico. “Facer desbrozar ás brigadas de extinción en agosto non é prevención, é un burdo paripé mediático”, sosteñen e engaden que falta unha política forestal que entenda o monte como algo máis que un subministrador de madeira barata para triturar ou queimar, fomentando especialmente pirófitas, o que “constitúe outro erro fatal que paga ano tras ano o noso monte”.

A Plataforma entende que só unha ordenación do territorio que entenda o medio rural como fonte de riqueza, de emprego e de sostenibilidade será o primeiro paso para rematar coa mesma historia de todos os anos. Lembran exemplos diso como os recentes incendios do monte Pindo, os montes de Oia, Cualedro, ou en anos anteriores, as Fragas do Eume e todo o macizo central de Ourense, entre moitos outros lugares.

Denuncian o “despedazamento e ‘subasta’ do servizo de prevención e extinción, en máis de dez entes distintos, co agravante de privatizar parte deste e promover así a ‘economía do lume’ con empresas privadas”, que consideran ten provocado este ano importantes problemas de desorganización e descoordinación que incidiron no tempo de extinción, na extensión e na duración dos incendios. “O actual goberno decidiu sacudirse a súa responsabilidade coa contratación de grande parte do dispositivo a través das brigadas municipais, a falat de experiencia, formación e descoordinación converteron este sistema en inviábel, o cal xa fóra diagnosticado tras da vaga de lumes do ano 2006”.

A Plataforma fai un chamamento ás galegas e galegos a exixir a fin desta situación que “a incapacidade política non ou non quere resolver” e reclamar o consenso político que consideran necesario para levalo a cabo “sen empregar os incendios para desgastar politicamente cando interesa”. Aseguran que o cambio necesario abrangue máis tempo que o mandato de calquera presidente da Xunta e reclaman un servizo único, público e profesionalizado de prevención e extinción que alén de apagar os lumes realice labores de prevención nas zonas de alto risco e maio valor ecolóxico “contratado e xestionado única e directamente pola Xunta de Galiza”.

Demandan unha ordenación do territorio que evite o despoboamento do rural, favorecendo o acceso aos servizos básicos, evitando a forestación das terras agrícolas e convertendo o mesmo nunha fonte de emprego e riqueza. “Só cando a xestión sustentábel do monte e do rural sexa unha posibilidade de traballo real para moitas/os, será cando a poboación no seu conxunto defenda dos lumes”. Xunto a isto, exixen unha política forestal “de verdade” que evite as especies pirófitas, que aproveite a súa diversidade de produción e non só madeireira, con alternativas sustentábeis e que respecten o noso modo de vida tradional. “Hai que potenciar o papel das Comunidades de Montes e a concentración na xestión forestal, impedindo a súa privatización e a entrada de capital especulativo”, alertaron.

Do mesmo xeito, propoñen fomentar na sociedade e nas escolas unha cultura de defensa dos nosos valores ambientais, paisaxísticos e naturais, entendendo que “son un ben de todos e todas e que non podemos perder” e a creación dunha mesa de diálogo con todos os sectores afectados: propietarios, empresas, traballadores do sector, ecoloxistas... e coa participación de todas as organizacións políticas, que sente as bases dun cambio de modelo que afirman que é “máis que necesario, imprescindíbel”.

Sobre isto último, lembraron que o pasado 29 de agosto, tras do Consello da Xunta, tanto o Presidente da Xunta, como Pedro Puy Fraga expresaran a súa vontade para acadar un grande consenso no referido ás políticas de prevención e extinción. Unha proposta que a Plataforma recolle e ante a que demanda a inmediata posta en marcha da mesa de diálogo e análise, na que participen todos os colectivos afectados e formacións políticas para chegar a un acordo a respecto do estabelecemento dun dispositivo único.