O Comité de Albada demanda a intervención de Traballo e Concello para resolver o conflito

O regreso dos camións do lixo do Consorcio deixa sen xustificación ningunha o ERTE presentado pola empresa
O Comité de Albada informa que no día de onte (xoves 19 de setembro) tivo lugar a primeira reunión do ERTE, na que a representación do persoal pediu a retirada do mesmo por ser ilegal e fraudulento, tendo en conta que a empresa "pretende utilizar e expediente como medida para coaccionar e intimidar aos traballadores/as. Ademais, Albada busca fraudulentamente derivar os custes da folga e das perdas que poida ter sobre conxunto dos traballadores/as".
20/9/13.

A este respecto hai que lembrar que dende esta pasada noite (xoves a venres) os camións do Consorcio volven levar os residuos a planta de Nostián e a empresa segue mantendo o ERTE, cando alegou como causa do mesmo a non chegada de lixo do Consorcio. "Case 24 horas despois de que os camións do Consorcio regresasen a Nostián e un día despois de que o Concello mudase o decreto de servizos mínimos ao estabelecido o 28 de xullo pola volta do lixo do Consorcio, a empresa aínda non retirou o ERTE", denuncia o Comité.

"Este ERTE é unha proba máis da nula vontade de negociación da empresa tal e como se vén denunciando por parte do Comité dende hai meses.  É a empresa a única e exclusiva causante do conflito que hai co cadro de persoal e co conxunto dos veciños/as da Coruña", aseveran.

Por esta razón, o Comité, ademais das accións legais xa iniciadas, demanda á Consellaría de Traballo que interveña de oficio e paralice un ERTE que é fraudulento e ilegal.

Ante a evidente a estafa social no lixo, tendo en conta as denuncias públicas lanzadas dende o Consorcio, e á vista dos datos oficiais sobre os incumprimentos no prego de condicións, o Comité considera un auténtico escándalo que o Concello da Coruña siga manténdose á marxe e por iso reclama unha vez máis que rescinda a concesión de xeito inminente e asuma a xestión directa da planta, para rematar así de unha vez coa chantaxe de Albada. 

O sector do lixo da comarca da Coruña irá a unha nova xornada de folga o 5 de outubro