O comité de empresa de Clece convoca a folga na limpeza do Xeral-Cíes, que comezará o dia 3

Os traballadores/as da nova concesionaria sumáronse ao paro indefinido para defender o convenio de empresa
O comité de Clece, a nova concesionaria do servizo de limpeza do hospital Xeral-Cíes de Vigo, formalizou esta mañá a convocatoria de folga indefinida a partir do xoves 3 de outubro ás 7.00 horas contra a decisión da empresa de modificar as condicións laborais. A compañía pretende aplicar o convenio provincial de limpeza e deixar sen efecto o propio, en vigor dende o ano 1986.
23/9/13.

No acto de entrega da convocatoria de folga que tivo lugar hoxe na Consellería de Traballo na cidade participou tamén a secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo, Transi Fernández, quen explicou os motivos do paro e lembrou que dende a ruptura das negociacións non volveron ter contactos coa dirección de Clece nin coa Xerencia do Sergas.

Fernández criticou o anuncio da concesionaria de acollerse ao artigo 41 da reforma laboral de modificación substancial das condicións de traballo e aplicar o convenio provincial de Limpeza de Edificios Locais no caso de que os traballadores/as non aceptasen asinar un convenio de empresa con vixencia a partir do 1 de xaneiro de 2014. A proposta incluía a eliminación dos pluses de vacacións, incapacidade temporal e IPC, así como dos nove días moscosos.

Ante a negativa da parte social a empresa opta entón pola aplicación do convenio provincial, que supón perder a equiparación co grupo D do Sergas (celadores/as, pinches, auxiliares de enfermería...) e tradúcese nunha rebaixa salarial e no empeoramento das condicións laborais.