Os comités de Seaga denuncian que, por vez primeira, se priorizaron os labores de limpeza e non a extinción

En período de alto risco e para poder xustificar as subvencións que a Unión Europea concede para prevención
Os comités de Seaga compareceron esta mañá en rolda de prensa para explicar as anomalías que se deron durante a campaña de alto risco. Anomalías como a de priorizar, en plena campaña de alto risco, os labores de limpeza fronte os de extinción, para poder xustificar as subvencións que a Unión Europea tiña concedido para este fin. Os comités fixeron un chamamento a participar na manifestación do día 29 de setembro para exixir un cambio radical nas políticas forestais.
25/9/13.

A UE concede anualmente unhas subvencións aos estados membros con máis alto risco de incendios forestais que teñen que ser xustificadas con certificación de superficie limpa.

Estas axudas, segundo explicaron Paulo Rubido e Peter Brea, empregáronse en campañas anteriores para realizar tarefas de limpeza en meses non considerados de alto risco –de novembro a xuño-. Aseguraron que nos dous últimos anos a Xunta, nin realizou estas tarefas, nin solicitou a subvención pero que este ano si se cursou a solicitude aínda que “coa finalidade de financiar a propia campaña de extinción”, afirmaron.

Deste xeito, sinalaron que os convenios de colaboración anunciados pola conselleira, polo cal a Xunta asume o 75% do financiamento e o 25% restante os concellos, están vinculados a que cada concello certifique 5 ha de limpeza por brigada. “No caso de non facelo o concello terían que asumir o 100% do custe. Isto provocou que boa parte dos concellos, sen capacidade financeira, renunciaran na práctica ás tarefas de extinción limitando a súa brigada a labores de limpeza”. Como exemplo puxeron o concello de Abegondo, onde a súa brigada “non foi a ningún incendio en todo o verán”.

O representante dos comités sinalou que en Seaga, que tamén optou por este modelo de financiamento na campaña, a dirección da empresa priorizou igualmente a prevención fronte á extinción. Deste xeito, explicou, a maioría das brigadas en días de risco extremo iniciaban o seu traballo desbrozando e só no caso de que se produciran incendios de grandes dimensións eran relevados destas funcións na mesma xornada laboral e enviados a apagar o lume. “Son numerosos os casos de brigadas que se pasaron seis horas desbrozando para posteriormente ser enviados a un incendio, cando tras dese tempo de traballo xa non estaban en condicións físicas óptimas para realizar ese labor”, sinalou Rubido.

Esta situación deuse igualmente os días dos grandes lumes, como o de Cualedro, O Pindo, Oia, etc. Para a CIG-Servizos isto é unha fraude que provocou que houbera un número moi inferior de efectivos ao de anos anteriores e que mesmo houbera lumes que tiveron que ser apagados directamente polos veciños, sen que acudira ningún medio de extinción.

Ante esta situación, os comités de Seaga fixeron un chamamento a participar na manifestación convocada para o vindeiro domingo, día 29 de setembro para exixir un cambio radical nas políticas forestais e na ordenación do medio rural deste país, que poña fin a unha situación que se repite ano tras ano.

http://galizacig.com/avantar/sites/all/themes/avantar3/imagenes/fondoIco...); background-repeat: repeat no-repeat;">