O Comité demanda de Albada e o Concello a resolución do conflicto a través da arbitraxe

Os traballadores e traballadoras da planta de Nostián cumpren dous meses en folga
Na mañá deste xoves (xornada na que se cumpren dous meses dende o inicio da folga indefinida na planta de Nostián e en vésperas da próxima folga sectorial do día 5 de outubro) o Comité de empresa e as centrais sindicais CIG, UGT e CCOO mantiveron unha reunión para valorar a situación actual do conflito en Albada, na que se acordou, entre outras medidas, a intensificación das mobilizacións.
26/9/13.

Así mesmo, ante o bloqueo da negociación provocado pola empresa e a presentación do ERTE fraudulento e ilegal -que se mantén a pesar de que xa hai unha semana que o lixo procedente do Consorcio volveu entrar na planta e a maiores agora chega tamén o de Sada-, o Comité de empresa demanda do Concello da Coruña e de Albada a posta en marcha das actuacións necesarias para a resolución da negociación dos despedimentos e o convenio colectivo a través da arbitraxe do Consello Galego de Relacións Laborais. Máis aínda,visto que dende o 10 de setembro non houbo ningunha reunión da mediación a causa da posición inmobilista da empresa.

O Comité as centrais sindicais seguen reclamando do Concello da Coruña e o Consorcio unha intervención directa no conflito e que o Concello rescinda a concesión de xeito inminente, asumindo a xestión directa da planta, para rematar así de unha vez coa chantaxe de Albada.

Folga e manifestación no sector o día 5 de outubro

Por outra banda, as centrais sindicais CIG, UGT e CCOO aproveitaron a reunión deste xoves para informar ao Comité de empresa, e así se dá traslado aos medios de comunicación, que a manifestación que terá lugar con motivo da xornada de folga no sector da limpeza, será o sábado 5 de outubro, ás 12:00 horas, con saída na Praza de Pontevedra e remate na Praza de María Pita.