Traballadores/as de Alcor Seguridad maniféstanse contra o regresivo convenio asinado por UGT e USO

O novo marco laboral incrementa a xornada anual e suporá unha perda mensual de arredor de 300 euros por empregado/a
Traballadores/as de Alcor Seguridad manifestáronse este xoves polas rúas de Lugo para rexeitar o regresivo convenio colectivo asinado por UGT e USO, que permite á empresa, baixo a escusa da crise, aplicar unha rebaixa brutal das condicións salariais e laborais do persoal. A compañía, con sede en Monforte, ten arredor de 60 traballadores/as na provincia e ocupa a unhas 800 persoas en todo o estado.
26/9/13.

A manifestación, convocada pola CIG-Servizos, pasou por diante dos edificios da Biblioteca provincial, a Deputación de Lugo e o Concello, xa que son os tres principais clientes de Alcor na cidade. Institucións, explica o Secretario Comarcal da CIG-Servizos, Xosé Paz, ás que se lle pediu que rescindan os contratos con Alcor por incumprir o prego de condicións, no punto referido ao mantemento das condicións laborais que o persoal tiña coa empresa saínte.

O convenio de empresa asinado, apunta Paz, supón precarizar aínda máis as cativas condicións recollidas no convenio estatal de seguridade privada, e a nivel económico suporá unha perda mensual de arredor de 300 euros “deixando aos traballadores/as só un pouco por riba do salario mínimo interprofesional”.

Para dar unha idea do recorte brutal nas condicións laborais e salariais marcada no novo convenio, pódense comparar os datos co recollido no convenio estatal:

- Xornada Laboral Anual: Conv. Estatal: 1.782h -- Conv. ALCOR: 1.826h

- Horas Nocturnas: Conv. Estatal: 1,08€/h -- Conv. ALCOR: 0,20€/h

- Plus Transporte: Conv. Estatal: 106,50€ - Conv. ALCOR: 38,00€

- Plus Vestiario: : Conv. Estatal: 63,55€ - Conv. ALCOR: 38,00€

- Plus Perigosidade Vixiantes explosivos: Conv. Estatal: 162,72€/mes - Conv. ALCOR: 18,62€/mes

- Quilometraxe: Conv. Estatal: 0,26€/Km - Conv. ALCOR: 0,10€/Km

- Rebaixa salarial no salario base de case 100€/mes

- Trienios e quinquenios conxelados de por vida e absorbíbeis coa suba do salario

- Desaparición paga de Beneficios

- Salario de 900€ brutos/mes (780€ líquidos aproximadamente) conxelado até 2015.

“Asinando este convenio, UGT e USO déronlle o soporte legal a empresa para que perpetrase este roubo, co que busca competir ofrecendo prezos baixos, a costa de cargarlle os custes aos traballadores/as”, denunciou Xosé Paz, ao tempo que alertaba das consecuencias que pode ter no conxunto do sector.

Dende a CIG advírtese que se continuarán adiante coas mobilizacións e con todas as accións legais oportunas para anular este convenio. De feito, a asesoría xurídica da CIG xa está a estuda a impugnación do convenio na Audiencia Nacional e a os traballadores/as asesorados pola central sindical a comezaron a presentar as reclamacións individuais.