O Comité de Albada reclama á empresa que diga con claridade se está disposta a resolver o conflito

Reitera a súa vontade para manter a negociación e e lembra que foi a representación dos traballadores/as quen instou a mediación
O Comité de Albada vén de salientar a súa “completa disposición á negociación e o nulo interese por dilatar a resolución do conflito”, en resposta ás afirmacións da empresa aparecidas este venres na prensa. “Que está fóra de toda dúbida o interese do Comité a as organizacións sindicais por atopar canto antes unha saída negociada demóstrao o feito de que se existe unha mediación aberta é grazas á iniciativa da parte social, que tivo que solicitala até en dúas ocasións porque a empresa se negaba a aceptar dita mediación”, aclaran.
27/9/13.

Neste senso, reiteran que en ningún momento o Comité declinou acudir ás reunións propostas pola mediadora “e non é esta parte quen está continuamente torpedeando as xuntanzas con ameazas, mantendo unha postura inmobilista e levantándose da mesa caprichosamente”. A este respecto cómpre lembran que dende o pasado 7 de agosto a empresa ten enriba da mesa unha proposta de viabilidade presentada polo Comité, que nin sequera tivo a ben estudar.

Este plan incluía un Expediente de Regulación Temporal para o conxunto do persoal, “que malamente pode ser considerado unhas vacacións pagadas”, cando os traballadores/as están dispostos a asumir, a conta dos seus salarios, un aforro nos custes da planta de 350.000 euros, iso si, a cambio de garantir o emprego e a propia actividade de reciclaxe na planta.

Porén, censura o Presidente do Comité, á empresa semella non interesarlle nin o emprego nin que se garanta e prestación adecuada dun servizo polo que a cidadanía está a pagar, e a única vía que propón pasa por formular un ERTE a todas luces ilegal e fraudulento, pois presenta como causa unha circunstancia conxuntural –a non chegada de residuos do Consorcio- que a día de hoxe xa non existe, “e aínda por riba, como premio, agora a planta de Nostián recibe a maiores o lixo do Concello de Sada”. 

Para o Comité, con este ERTE a empresa o único que demostra, unha vez máis, é a nula vontade negociadora e o pouco interese que ten en resolver o conflito con rapidez (non hai que esquecer que a primeira medida adoptada por Albada nas negociacións do convenio foi despedir a once traballadores/as para utilizalos como moeda de cambio).

“A representación dos traballadores continúa apostando pola negociación e por iso  reclama a Albada que aclare de unha vez se quere resolver o conflito e se está disposta a someterse a arbitraxe ou se pola contra prefire torpedear o diálogo e prolongar esta situación para así seguir utilizando ao persoal e ao conxunto da cidadanía para presionar ao Concello da Coruña e ao Consorcio polo conflito económico que manteñen”, insisten nun comunicado.

Unha vez máis, neste contexto, o Comité volveu instar ao Concello da Coruña para que interveña de xeito activo na planta, rescinda o contrato e se faga coa xestión directa das instalacións. “Rematando deste xeito coa chantaxe dunha empresa que nin sequera está a cumprir as condicións establecidas no prego da concesión”.

Solicitude de reunión

Así mesmo, as organizacións sindicais CIG, UGT e CCOO teñen solicitada unha reunión con todos os alcaldes dos Concellos integrados no Consorcio das Mariñas e o Concello da Coruña para o vindeiro martes, 1 de outubro, ás 17:30 horas, nas dependencias do Consorcio das Mariñas. Neste encontro, quérese tratar cos responsábeis políticos destes concellos a grave situación existente na planta de Albada en Nostián e os graves incumprimentos por parte da empresa concesionaria.