Asesores das centrais sindicais realizaron un peche nas oficinas de Albada para reclamar solucións

A medida de presión desenvolveuse coincidindo coa última xuntanza marcada pola empresa do período de consultas do ERTE
Membros da Comisión Negociadora para o ERTE de Albada iniciaban un peche por volta das 14:00 horas nas oficinas de Nostián, en rexeitamento ao expediente regulador que a empresa pretende aplicar na planta de tratamento de residuos e para reclamar unha solución ao conflito. A medida de presión desenvolveuse coincidindo coa última reunión do período de consultas, segundo o calendario proposto unilateralmente pola propia compañía. Porén, logo de doce horas, sobre ás dúas da madrugada, os participantes no peche acordaban levantar o encerro ante a falta de movementos por parte da empresa.
30/9/13.

A pretensión das persoas que participron no peche (realizado polos asesores das centrais sindicais CIG, UGT e CCOO) pasaba por acadar unha solución á situación que se vive na planta de Nostián, a causa do inmobilismo da empresa nas negociacións e as súas pretensións de recortar emprego, dereitos e salarios. Así as cousas, doce horas despois de iniciado o encerro, a empresa continuaba sen manter contacto ningún cos representantes dos traballadores/as, polo que se acordou levantar a medida de presión.

A protesta súmase ao conxunto de mobilizacións que os traballadores/as (que están en folga dende hai dous meses) e as organizacións sindicais están a desenvolver en demanda da readmisión dos compañeiros e compañeiras despedidas ao inicio das negociacións, por un convenio digno e con dereitos e contra do “fraudulento e ilegal” ERTE que a dirección quere aplicar.

O peche desenvólvese na véspera da reunión á que as organizacións sindicais CIG, UGT e CCOO teñen convocados aos alcaldes dos Concellos integrados no Consorcio das Mariñas e o Concello da Coruña. A xuntanza, prevista para o martes 1 de outubro, ás 17:30 horas, quérese tratar cos responsábeis políticos destes concellos a grave situación existente na planta de Albada en Nostián e os graves incumprimentos por parte da empresa concesionaria.

Ademais, este venres 4 de outubro, ás 23 horas, comezará unha nova xornada de folga no sector da recollida e tratamento do lixo, que se prolongará até as once da noite do sábado día 5. Con tal motivo, tamén está convocada unha manifestación ás 12:00 horas do sábado, con saída na Praza de Pontevedra e remate na Praza de María Pita.

O Comité de Albada reclama á empresa que diga con claridade se está disposta a resolver o conflito