Desconvocan a folga na limpeza do Xeral-Cíes tras desistir a empresa de aplicar o convenio provincial

A dirección de Clece, nova concesionaria do servizo, comprometeuse tamén a non modificar substancialmente as condicións laborais
O cadro de persoal do servizo de limpeza do hospital Xeral-Cíes de Vigo acordou hoxe por unanimidade desconvocar a folga indefinida prevista para este venres día 4 despois de que a dirección de Clece desistise da súa intención de aplicar o convenio provincial e modificar substancialmente as condicións laborais. A compañía comprométese a manter o convenio propio a cambio de que os empregados/as constitúan a mesa de negociación dun novo acordo laboral.
01/10/13.

As 130 traballadoras/es da limpeza do centro médico vigués manterán as súas condicións laborais unha vez que a dirección de Clece deu marcha atrás na súa intención de aplicar o convenio de Limpeza da Edificios e Locais da provincia de Pontevedra.

Ao mesmo tempo, a compañía tampouco modificará substancialmente as condicións laborais do cadro de persoal mediante o artigo 41 da nova reforma laboral. 

A cambio, o comité de empresa comprometeuse a conformar a mesa negociadora co obxectivo de pactar un novo acordo laboral. Dende a CIG-Servizos de Vigo explican que a Inspección de Traballo instounos a chegar a un entendemento antes do 4 de febreiro de 2014, “xa que do contrario calquera das partes pode solicitar a mediación”.

A decisión de desconvocar o paro indefinido foi adoptada este mediodía nunha masiva asemblea celebrada no hospital Xeral pola práctica totalidade do cadro de persoal.