Representantes dos traballadores/as de Nostián reitera a fraude e ilegalidade do ERTE en Albada

Representantes sindicais mantiveron un encontro cos responsábeis do Consorcio das Mariñas para solicitar a súa intervención
Membros do Comité de Albada e representantes das organizacións sindicais CIG, UGT e CCOO mantiveron na tarde deste martes xuntanza con representantes do Consorcio das Mariñas para abordar a grave situación existente na planta de Nostián e solicitar a intervención das administracións locais á vista dos reiterados incumprimentos por parte da empresa concesionaria das instalacións. Incumprimentos que, non hai que esquecer, se teñen denunciado dende os propios concellos e o Consorcio.
01/10/13.

A xuntanza, á que asistiron o Presidente e a Vicepresidenta do Consorcio -na súa calidade de representantes dos municipios integrados no ente- e tamén unha edil do Concello de Oleiros, desenvolveuse nas dependencias do Consorcio das Mariñas situadas en Bergondo, á instancias das organizacións sindicais, co obxectivo de explicar a situación na planta de Nostián e solicitar a súa intervención, Porén, ao encontro non asistiu ningún membro do goberno local da Coruña, titular das instalacións.

ERTE "fraudulento e ilegal"

En canto ao ERTE que a empresa pretende aplicar, apuntar que onte rematou o período de consultas, obviamente sen acordo. A representación dos traballadores/as denuncia unha vez máis a ilegalidade e a fraude que está a cometer a empresa con este ERTE, para o que non existe causa real que o xustifique, todavez que a empresa alegaba a non entrada de residuos procedentes do Consorcio, mais sen acreditar que se producise a suspensión do convenio de colaboración entre a empresa e o ente público.

A maiores, a mala fe de Albada na formulación deste ERTE quedou patente logo de que continuase adiante co período de consultas (dentro dun calendario argallado unilateralmente pola empresa), a pesar de que o lixo do Consorcio volvera entrar na planta na madrugada do 19 ao 20 de setembro e, ademais, como “premio”, agora tamén recibe os residuos procedentes do Concello de Sada.

A representación dos traballadores/as entende que Albada pretende executar un ERTE “preventivo”, sen causa legal que xustifique esta medida, e co obxectivo real de intimidar e coaccionar ao conxunto do persoal, ampliando mesmo na última reunión o número de traballadores/as afectados/as, que pasa de 27 a 54 persoas. Paralelamente, a empresa busca afrontar os gastos derivados da folga a través deste expediente.

Á vista destas irregularidades, subliñar que o Comité e as organizacións sindicais xa teñen formalizado as accións legais oportunas contra do ERTE.

Campaña informativa para chamar á participar na manifestación

Os traballadores e traballadoras da planta de tratamento de residuos van iniciar este martes unha campaña informativa entre a cidadanía da Coruña e da comarca, con repartos polas rúas de follas para explicar a situación actual do conflito e facer unha chamada á participación na manifestación que o sábado 5 de outubro –con motivo da folga no sector- sairá ás 12:00 horas dende a Praza de Pontevedra.

Asesores das centrais sindicais realizaron un peche nas oficinas de Albada para reclamar solucións