O Comité de Albada lamenta que o Concello da Coruña non asuma a súa responsabilidade

O persoal, con máis de dous meses en folga, reivindicou novamente ao goberno local que rescinda a concesión da planta de Nostián
O Comité de Albada e as centrais sindicais CIG, CCOO e UGT, logo das últimas declaracións do voceiro do goberno municipal, lamentaron profundamente que ningún representante do Concello da Coruña acudise á reunión convocada o pasado martes nas dependencias do Consorcio das Mariñas. Con este xesto, denuncian, “sobreenténdese o desinterese do concello por atopar unha solución ao conflito e defender os intereses tanto dos traballadores/as como dos seus veciños/as fronte aos abusos empresariais”.
03/10/13.

A este respecto, a representación dos persoal critica que o goberno de Negreira non teña asumido até o momento a súa responsabilidade como titular das instalacións de Nostián, “deixando coa súa desidia que a empresa faga o que lle peta, mentres os traballadores/as e o conxunto dos veciños/as continúan sendo vítimas dunha estafa social”. Nesta liña, pregúntanse por que o Concello segue cobrando na taxa do lixo por unha reciclaxe inexistente, xa que os residuos rematan nos vertedoiros de Urbaser.

Do mesmo xeito, lamentaron que o Concello manteña a vixencia da concesión con Albada, á vista dos reiterados e constatados incumprimentos do prego de condicións. “A empresa non recicla as taxas de lixo comprometidas e parece que o Concello non se decata. E iso, a pesar de que tanto os traballadores/as como os alcaldes do Consorcio teñen denunciado esta situación en numerosas ocasións”, afirman. A maiores, engaden, cos termos nos que formula o ERTE a empresa está incumprindo a normativa laboral, o que tamén pode ser motivo da rescisión da concesión.

Fronte a estes abusos, o Comité e as centrais sindicais con representación volven demandar ao Concello da Coruña que rescinda a concesión e recupere a xestión directa da planta de Nostián. “Só así se poderá garantir a reciclaxe e o mantemento do emprego en condicións dignas”, aseveran.

Manifestación o día 5 de outubro

Finalmente, Comité e sindicatos lanzan unha chamada á toda a cidadanía para que amosen o seu rexeitamento “á estafa social que están a padecer”, participando na manifestación que o sábado 5 de outubro sairá, ás 12:00 horas, dende a Praza de Pontevedra até a Praza de María Pita.

A manifestación realízase con motivo da xornada de folga no sector da recollida e tratamento de lixo da comarca que vai ter lugar entre as 23:00 horas do venres 4 e as 23:00 horas do sábado 5 de outubro.