Os traballadores/as do lixo da comarca da Coruña secundan masivamente unha nova xornada de folga

Centos de persoas maniféstanse en defensa do emprego e das condicións laborais no sector e contra da “estafa que practica Albada
Traballadores/as de Albada, os servizos de recollida de lixo da Coruña e o Consorcio das Mariñas, o complexo de Sogama e a planta de Lousame secundaron maioritariamente a xornada de folga e a manifestación convocada en contra da reforma laboral, na defensa do emprego e as condicións laborais no sector. O persoal estivo arroupado polos centos de persoas que se sumaron á manifestación para deste xeito amosar o rexeitamento á estafa social á que están sometidos, pois pagan unha taxa por unha reciclaxe que Albada non realiza.
05/10/13.

Galería de imaxes

A xornada de folga –das 23:00 horas do venres ás 23:00 horas deste sábado 5 de outubro- desenvolveuse sen incidentes e contou cun amplísimo seguimento tanto na planta de Nostián –onde os traballadores/as levan máis de dous meses en paro indefinido- como nos servizos de recollida de lixo da Coruña e o Consorcio das Mariñas. Do mesmo xeito, o paro foi secundado maioritariamente polo persoal da planta de tratamento de residuos de Lousame, que tamén se desprazou nun autobús até A Coruña para participar na manifestación.

Malia a tranquilidade coa que se desenvolveu o paro, os piquetes informativos estiveron controlados por un desproporcionado dispositivo policial e os camións da recollida dos servizos mínimos saíron custodiados por vehículos da policía local.

O éxito na convocatoria testemuñábano na mañá deste sábado as rúas da Coruña cos contedores cheos de lixo, a pesar do chamamento feito polo Concello da Coruña aos veciños/as para que non baixasen na noite do venres os residuos, nun claro intento de minimizar o impacto da folga e invisibilizar a problemática existente no sector.

Neste senso, no marco da manifestación que percorreu as rúas da cidade herculina as centrais sindicais CIG, UGT e CCOO reiteraron ás críticas ao Concello da Coruña por non ter asumido as súas responsabilidades coa planta de Nostián, permitindo que Albada practique o que cualifican de “terrorismo patronal” e siga perpetrando unha estafa social á toda a cidadanía.

O Secretario de Organización da CIG, Paulo Carril, explicaba que o vindeiro martes está programada unha nova reunión da mediación, urxida pola parte social. Carril salientou a disposición dos representantes do persoal a seguir negociando, ao tempo que lembrou que dende o pasado 7 de agosto a empresa ten enriba da mesa unha proposta de viabilidade que podería pór fin ao conflito. Así mesmo, apuntouse que de non acadarse un acordo para a solución do conflito nesa reunión do martes, o Comité instará o procedemento de arbitraxe.

A este respecto, Paulo Carril volveu demandar do Concello da Coruña que rescinda a concesión da contrata e recupere a xestión directa da planta, para rematar deste xeito coa “chantaxe de Albada”. O persoal basea a súa demanda nos reiterados incumprimentos do prego de condicións, xa que a empresa non recicla as taxas de lixo comprometidas. Situación denunciada tanto polos traballadores/as como dende o Consorcio das Mariñas. A maiores, engadiu, cos termos nos que formula o ERTE, Albada está incumprindo a normativa laboral, o que tamén pode ser motivo da rescisión da concesión.

“Parécenos inconcibíbel que non haxa ningunha administración (nin o Concello, nin a Xunta nin a Xustiza) que poña fin a este despropósito e que a empresa siga actuando con total impunidade”, aseverou.

Críticas á reforma laboral

Ao remate da manifestación na Praza de María Pita, Xosé Lois Freire, da CIG-Servizos, destacou a loita incansábel e exemplar que están a desenvolver os traballadores e traballadoras de Albada en defensa dunhas condicións de traballo dignas e pola readmisión dos once compañeiros e compañeiras despedidas.

Neste contexto, criticou duramente a lesiva reforma laboral aprobada polo PP, que facilita que empresas como Urbaser (á que pertence Albada) apliquen este tipo de prácticas piratas, que só buscan incrementar os beneficios a conta de precarizar as condicións laborais dos traballadores e traballadoras. Freire tamén alertou do temor que existe no sector a que este tipo de actuacións se estendan a outras empresas, polo que chamou a continuar na mobilización.