O Comité da UTE Gaia-Movex Vial rexeita os despedimentos e pide a actuación da administración

Critican que a Fundación Deporte Galego, titular das instalacións que xestiona a UTE, permita o incumprimento das condicións
O Comité de empresa dos Complexos Deportivos de Sardiñeira, Elviña e Agra situados na Coruña, propiedade da Xunta de Galiza e xestionados pola UTE Gaia GD-Movex Vial, manifestaron o seu rexeitamento e desaprobación polo despedimento de dous compañeiros.
09/10/13.

O Comité esixe que tanto a empresa (UTE Gaia GD - Movex Vial), como a Fundación Deporte Galego, poñan en funcionamento os mecanismos necesarios “para restaurar nos seus postos de traballo a estes dous compañeiros”. Do contrario, advirten, adoptarán as medidas que sexan precisas para corrixir a situación.

Así mesmo, a representación do persoal destes complexos deportivos subliñou que a Fundación Deporte Galego, propietaria e responsábel do contrato de explotación das instalacións, recoñeceu o non cobramento do  canon de explotación acordado para a explotación dos centros mencionados, “ademais de permitir unha morea de incumprimentos graves do mencionado contrato”.

Neste senso, o Comité manifestou tamén a estrañeza pola pasividade coa que está a actuar a Fundación Deporte Galego ante estas irregularidades que están tipificadas nun prego de condicións, así como que “dende a adxudicación a esta UTE do contrato de explotación, está a actuar de modo totalmente cómplice coa empresa Gaia GD”, polo que dende o cadro de persoal fan co-responsábel da actual situación ao ente dependente da Secretaría Xeral para o Deporte.

Ao entender do Comité, a falta de aboamento do devandito canon facilita á UTE Gaia GD- Movex Vial “a usar dito contía para efectuar os despedimentos, como xa veu pasando con anterioridade (7 despedimentos)”. Ademais, criticaron esta viraxe nas relacións laborais “de xeito unilateral e do peor dos modos, que é despedindo traballadores/as”.