O Comité de Albada solicita unha proposta de solución vinculante ao conflito de Nostián

Á vista do fracaso da reunión da mediación celebrada na tarde do martes
O Comité de Albada vén de solicitar á mediadora que efectúe unha proposta de solución do conflito que se vive na planta de Nostián, e se pronuncie a respecto da readmisión dos traballadores/as despedidos/as e o convenio colectivo, as dúas cuestións abordadas nesta mediación.
09/10/13.

O Comité e as centrais sindicais acordaron solicitar este pronunciamento, logo do fracaso da reunión da mediación celebrada na tarde do martes, na que non só non se acadou  ningún tipo de avance, senón que a empresa mesmo deu pasos atrás ao retrotraerse á súa proposta de recortes inicial, negándose a readmitir ao persoal despedido, así como a retirar o ERTE.

A maiores, dende a parte social solicitouse que se levantara acta da reunión, ao que a empresa se negou, para a continuación abandonar a xuntanza antes do seu remate. Esta actitude, denuncia o Comité, demostra unha vez máis “a nula vontade negociadora de Albada e a mala fe coa que vén actuando en todo o conflito, malia os múltiples intentos da parte social de acadar unha saída negociada”.

Á vista da situación, a representación dos traballadores/as realizou a proposta nesta reunión para que, en virtude do regulamento do AGA artigos 17 e 18, a mediadora efectúe unha proposta de solución do conflito sobre todos os puntos tratados nesta mediación (convenio colectivo e readmisión do persoal despedido), que deberá presentar no prazo máximo de cinco días hábiles.

Esta proposta deberá ser emitida de xeito motivado e por escrito, notificándose a todos os membros da comisión e do mesmo xeito a parte social e empresarial deberán expresar por escrito a súa aceptación, ou rexeitamento. En caso de aceptación da proposta, o mediador redactará unha acta final que terá os efectos propios dun convenio colectivo. En caso de rexeitamento da proposta abriríase o procedemento de arbitraxe.

Dende o Comité aseguran que “todo isto confirma que os traballadores/as son as vítimas deste conflito, xa que a empresa non quere pór fin a este conflito para así seguir presionando ao Concello da Coruña nas negociacións de carácter económico que manteñen”.