CIG-Servizos e persoal da cafetería da TVG concéntranse nas instalacións da concesionaria

Denuncian que nin a empresa nin a CRTVG tentan resolver o conflito, readmitir ao persoal despedido e recuperar as condicións
Este xoves, día 11 de outubro a CIG-Servizos realizou unha nova concentración diante das instalacións de Coesco Deza (Culinaria), empresa que xestiona a cafetería da CRTVG, en Silleda, polo despedimento de tres traballadoras e as modificacións realizadas pola empresa o 1 de agosto, data na que asumiu a contrata da cafetería.
11/10/13.

A día de hoxe nin a empresa nin a CRTVG teñen dado ningún paso para resolver o conflito, polo que continúa como o primeiro día o boicot realizado polo persoal da TVG á cafetería e a folga indefinida, da cal se acaban de cumprir 3 días consecutivos de folga secundada polo 100% do persoal.

Despedimentos

O día 1 de agosto a nova empresa comezaba a xestionar a cafetería da CRTVG. Ese mesmo día impedíase acceder ás instalacións do ente público a 3 traballadores/as, que coñecían así a noticia de que estaban despedidos/as. De contado, o persoal da CRTVG acordaba un boicot á cafetería e demandaba a inmediata readmisión destes compañeiros/as.

A empresa, ademais dos despedimentos, cambiaba as condicións laborais a varios traballadores/as, modificando horarios de traballo ou reducindo a xornada laboral.

Ante esta situación, e para exixir tanto a readmisión como o mantemento das condicións laborais, a CIG-Servizos convocaba unha folga indefinida desde o día 19 de agosto, que foi secundada polo 100% do persoal. O día 3 de setembro, como mostra de boa vontade para abrir o diálogo e poder chegar a un acordo, o persoal regresaba aos seus postos.

A partir de aí mantíñanse as concentracións, tanto diante da TVG –co apoio dos comités de empresa e do persoal do medio público xunto co das compañías subcontratadas- como en Silleda, no polígono industrial, onde a empresa concesionaria, Coesco Deza Culinaria, ten as súas instalacións e no centro da vila, onde está a sede de SOCISER, cabeceira do Grupo.

O día 13 de setembro celebraban unha nova xornada de folga, tras acordar executar xornadas de folga en momentos puntuais e como forma de presión para obrigar á empresa a sentar a negociar.

Segundo a CIG-Servizos, a empresa xustifica despedimentos e cambios nas condicións laborais argüíndo a redución do horario operativo da cafetería. Porén, subliña que por parte da CRTVG asegurouse que se a empresa o solicitaba, se lle podía conceder unha ampliación de horarios, ao que se negou a empresa ao non teren garantidos os beneficios.

Ante isto a CIG-Servizos asegura que se a empresa entende que non vai obter beneficios abondo, o mellor é que abandone o servizo e que a CRTVG convoque un novo concurso garantindo a subrogación do persoal, o mantemento das condicións laborais e apertura da cafetería en horario suficiente.

Durante todo este tempo sucedéronse as mobilizacións, a última a nova convocatoria de folga e a concentración diante da sede da empresa en Silleda. Malia iso, o conflito está estancado pola falta de interese tanto da empresa como da propia CRTVG.