Albada rexeita someterse á mediación vinculante e comunica ao persoal a posta en marcha do ERTE

O inicio do xuízo pola demanda de tutela de liberdade sindical está previsto para o 28 de Novembro
O Comité e as centrais sindicais CIG, UGT e CCOO, á vista das últimas decisións de Albada, aclararon que a empresa rexeitou someterse á mediación vinculante pedida pola representación do persoal, e, ao mesmo tempo, comunicou a posta en marcha do ERTE para 61 traballadores/as. Para o Comité e as organización sindicais estas actuacións amosan, unha vez máis, a nula vontade da empresa para pórlle unha solución ao conflito que se vive na planta de Nostián.
16/10/13.

A continuación reproducimos o comunicado do Comité e as centrais sindicais.

O Comité e as centrais sindicais CIG, UGT e CCOO, á vista das últimas decisións de Albada queren facer públicas as seguintes aclaracións:

- Unha vez máis, Albada dá mostras do nulo interese por acadar unha saída pronta e negociada ao conflito que se vive na planta de Nostián, logo de rexeitar a proposta de mediación vinculante solicitada polo Comité. Para que exista dita mediación vinculante, a empresa tiña que expresar de xeito oficial a súa vontade a aceptar o ditame da mediadora. Non obstante, Albada persiste no seu perverso xogo, e aínda que non expresa directamente o seu rexeitamento á mesma, deixar pasar o período pertinente para comunicar a súa disposición a someterse á mediación.

Diante desta nova negativa da empresa a atopar unha solución, Comité e centrais sindicais fican agora á espera de que se nos convoque por parte do Consello Galego de Relacións Laborais. E, tal e como xa se adiantou, a partir de aí a representación do persoal solicitará o inicio do proceso de arbitraxe.

- Así mesmo, subliñar que Albada, afondando no incumprimento da lei, non retira o ERTE e comunica que a súa decisión empresarial é levar adiante a regulación a partir do 15 de outubro –afectando a 61 traballadores/as, en vez de aos 27 empregados/as previstos ao principio do período de consultas-. Pero o despropósito da empresa é tal que ao mesmo tempo informa que non vai aplicar o ERTE porque recoñece a entrada dos residuos do Consorcio das Mariñás na planta, causa que a empresa alegou para presentar este expediente de regulación.

Ante esta situación, o Comité vai pedir ante a Inspección de Traballo e a Xunta de Galiza que arquiven o ERTE, como maneira legal de non avalar a medida empresarial.

Cando a empresa formulou o ERTE, as tres centrais sindicais (CIG, UGT, CCOO) interpuxeron diferentes medidas legais contra o mesmo e cómpre informar que xa está marcada a data para o inicio do xuízo da demanda de tutela de liberdade sindical, que terá lugar o vindeiro 28 de novembro.

A Coruña, a 16 de outubro de 2013