Concentración en COGAMI contra o despedimento de 27 traballadores/as da Rede Galega de Kioscos

CIG-Servizos denuncia que a empresa se nega a readmitilos e negociar un Plano de Viabilidade
CIG, CCOO e UGT protagonizaron esta mañá en Compostela unha concentración diante da sede de COGAMI, por mor do despedimento de 27 persoas con discapacidade da Rede Galega de Kioscos, que forma parte desta ONG. Denuncian que a maioría dos despedimentos, que a propia entidade recoñeceu como improcedentes, non estaba xustificados e que estas persoas foron substituídas, de inmediato por outras traballadoras e traballadores.
18/10/13.

Para a CIG-Servizos con estes despedimentos a empresa pretende aproveitar o sistema de subvencións públicas para beneficio propio, cando en teoría COGAMI é unha entidade sen ánimo de lucro.  

Denuncia ademais a precariedade nas condicións laborais que padecen estas persoas, con salarios que apenas superan os 600 euros malia traballar tamén en fin de semana e festivos.

Carmiña Naveiro, da CIG-Servizos, explica que este xoves se celebrou unha xuntanza con membros da dirección de COGAMI e da Rede Galega de kioscos na que o comité de empresa solicitou a readmisión de todas as traballadoras e traballadores, nas mesmas condicións laborais e mantendo a antigüidade, pagándoselles ademais os salarios de trámite.

Xunto a isto, propúxoselle á empresa que se realmente hai problemas económicos, unha vez se presentaran as contas que os acreditan se abrira unha negociación para elaborar un plan de viabilidade.

Naveiro afirma que a empresa se negou a aceptar a proposta e considera que non hai disposición algunha pola súa parte a negociar. Lembra que xa o ano pasado a empresa intentou aplicar un cambio substancial das condicións laborais e salariais alegando que estaba pasando por unha difícil situación e que convocou ás delegadas e delegados a unha xuntanza.

Porén, se impediu a entrada das asesoras e asesores das centrais sindicais, ante o que delegadas/os negáronse a asistir á xuntanza. Unha situación que provocou que se tivera que denunciar esta actitude ante a Inspección de Traballo, que recoñeceu que asesoras e asesores si podían participar nesa xuntanza. “Fomos expulsados de alí de malas maneiras, tanto nós como as delegadas e delegados”, afirma Naveiro.

Sen negociación algunha e sen abrir o pertinente período de consultas, ao pouco a empresa aplicou a modificación das condicións laborais e procedeu ao despedimento de 27 persoas. Tampouco proporcionou a documentación requirida o que, para a CIG-Servizos denota que hai “mala fe”.