O Comité de Albada advirte do colapso total da planta e a contratación de empresas externas

A representación do persoal vai presentar denuncias na Inspección de Traballo, en Medio Ambiente e no Concello da Coruña
O Comité de Albada vén de informar que nas vindeiras horas vai presentar dúas denuncias contra os graves incumprimentos da empresa. Así, sinalan que Albada comezou a contratar empresas externas para realizar traballos que son propios do persoal da planta, que está en folga dende o pasado 28 de xullo. Así mesmo, denuncian que os incumprimentos na reciclaxe do lixo se teñen afondando nos últimos tempos, polo que nestes momentos a planta está desbordada e non se realiza ningunha labor de tratamento dos residuos.
21/10/13.

O Comité vaise dirixir á Inspección de Traballo para denunciar que  Albada está contratando empresas externas para realizar traballos que son propios do cadro de persoal de Nostián. Neste senso, lembran que a contratación de traballadores/as para substituír persoal en folga supón unha vulneración deste dereito fundamental e está sancionada pola lexislación

Ademais, advirten que os traballadores/as destas empresas externas tamén están manexando maquinaria das propias instalacións, “poñendo deste xeito en risco a súa seguridade, xa que non están cualificados para o manexo desa maquinaria, nin tampouco autorizados para facelo”.

Doutra banda, explican que, ao incumprimento habitual na reciclaxe do lixo –que o Comité vén denunciando dende hai meses- engádese agora o colapso total da planta. “Os residuos estanse amoreando sen tratar nas zonas de depósito, para seren trasladadas despois directamente ao vertedoiro sen ningún tipo de tratamento”, afirma o Presidente do Comité, Xosé Manuel Vilariño.

Esta situación, aclara, afonda gravemente no incumprimento das condicións da contrata por parte de Albada, que se até agora non respectaba as taxas de reciclaxe comprometidas, agora o abandono das tarefas de tratamento é total. O Comité vai denunciar estes feitos diante da Consellaría de Medio Ambiente e do Concello da Coruña “para que, dunha vez, asuma as súas responsabilidades no conflito”.

Ante estes novos incumprimentos, dende a representación dos traballadores/as pediuse novamente ao Concello da Coruña que rescate a concesión da planta “xa que Albada non está cumprindo coas condicións marcadas no contrato, a pesar de que os veciños e veciñas da Coruña e o Consorcio das Mariñas continúan a pagar por unha reciclaxe que non se realiza”.