Persoal despedido da cafetería da CRTVG ocupa as instalacións do ente

O ente declinou toda responsabilidade no conflito e a CIG-Servizos anuncia que continuará coas mobilizacións
Traballadores e traballadoras despedidas da cafetería da TVG e delegados/as de CIG-Servizos ocuparon este martes as instalacións da CRTVG. En concreto o lugar onde se celebraba nese momento a reunión do Consello de Administración da CRTVG, aproveitando que probablemente se trataría, entre os puntos da Orde do Día, o asunto dos despedimentos da cafetería.
23/10/13.

Os asistentes a este acto permaneceron durante 1 hora aproximadamente no edificio. Aitor Sebio, representante da CIG-Servizos explica que no lugar onde estaban concentrados presentouse o Director de Recursos Humanos do ente público, Carlos Paz, a quen a CIG-Servizos solicitou a súa dimisión por ter demostrada a súa incompetencia por non ser quen de resolver este conflito en case tres meses que leva aberto.

Ao final do acto o propio Director de RRHH convidou á representación dos traballadores da cafetería a ter unha reunión na que segundo Sebio, “pretenderon facer un lavado de cara da CRTVG declinando toda responsabilidade no conflito pola súa parte”.

Ante isto, a CIG-Servizos anuncia que continuará coas mobilizacións até que se resolva o conflito, e ante a situación de que tanto a CRTVG como Culinaria, empresa adxudicataria, seguen culpando á outra parte da situación e o único claro é que os traballadores seguen padecendo a situación e seguen reclamando a súa readmisión.